8 de xuño de 2015
O Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña comeza este mes a instalar en diferentes destinos da cidade unha exposición itinerante acerca dos veciños alados do municipio: as aves e demais animais con ás que teñen aquí o seu fogar. Ata o 19 de xuño a exposición poderá visitarse no recibidor da Casa da Auga.
A Coruña destaca entre as capitais de provincia de España pola súa notable diversidade de aves. A pesar da súa condición de urbe densamente poboada, a proximidade do mar e a presenza de diversos espazos verdes que albergan distintos tipos de hábitats favorecen esta diversidade. A elas únense baixo as nubes moitos outros animais que a miúdo pasan desapercibidos: Por exemplo, os morcegos. Tamén diversas especies de insectos, desde as molestas moscas ou os mosquitos ás espectaculares bolboretas e libélulas, e mesmo as mantis relixiosas e as xoaniñas.
Son infinidade as especies de animais que integran a fauna do noso ceo. Nesta exposición, composta por 85 paneis de 29 x 42 cm instalados sobre 8 representacións en madeira de árbores, móstranse os costumes de moitas delas, acompañados de textos introductorios acerca das diferentes mecánicas de voo, a fisionomía das plumas, as longas viaxes dalgunhas aves…
Sabías que na Coruña compartimos virapedras (unha ave típica do noso litoral máis rochoso) co extremo norte de Canadá (onde acode a criar na primavera)? Ou que as curuxas voan de noite sobre os campos da Torre de Hércules na busca de roedores? Ou que unha das nosas libélulas máis rechamantes, a Anax imperator, procede orixinalmente de África, desde onde foi se foi estendendo cara ao norte ata ocupar toda Europa? Esta exposición cóntacho.
Calquera centro escolar, asociación, colectivo social, centro cívico ou biblioteca que desexe facelo pode recibir esta exposición de forma gratuíta, e durante 7-14 días, con só dirixirse á dirección de correo ou telefonar ao número de contacto:
Correo electrónico: educacionambientalcoruna@gmail.com
Teléfono: 981 903 834
En función das reservas realizadas, o Concello dispoñerá dun calendario no que acomodar as preferencias de tódolos interesados.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible