15 de setembro de 2022
A elaboración dos podcasts foi realizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia
As gravacións reúnense baixo o título “María Casares: da Coruña a residente privilexiada”
Baixo o título "María Casares: da Coruña a residente privilexiada", varios podcasts analizan os diferentes aspectos da vida persoal e profesional da artista coruñesa, coincidindo coa celebración do centenario do seu nacemento.
Son tres os podcasts que repasan a vida de María Casares e que poden ser escoitados nos canais de Ivoox e Spotify das Bibliotecas Municipais da Coruña a partir deste mércores.
As gravacións foron realizadas polo Concello da Coruña en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e permiten analizar polo miúdo a traxectoria da actriz dende diferentes prismas grazas á condución de María Lopo, que contará co acompañamento de lecturas dramatizadas coas que diferentes intérpretes da AAAG lles poñen voz a textos escritos pola propia Casares.
As sesións da gravación realizáronse o pasado mes de xullo na exposición realizada sobre a figura de María Casares. Os tres podcast están xa dispoñibles en todas as plataformas dixitais. De 40 minutos de duración cada un, contan coa condución de María Lopo e as lecturas das intérpretes Cora Velasco, Rebeca Solla e María Francelina.
Os traballos permiten facer un recorrido pola vida e traxectoria de María Casares. O primeiro, titulado "A Coruña e Galicia" e que está dispoñible desde este mércores en Ivoox e Spotify, aborda os anos da súa infancia na Coruña e a visión de Galicia que conservou ao longo da súa vida. Nacida en 1922, a filla de Santiago Casares Quiroga e Gloria Pérez Corrales viviu a nenez a medio camiño entre a casa familiar da rúa Panadeiras e Montrove, onde pasou os veráns con longas xornadas na praia de Bastiagueiro. As primeiras amizades, as relacións familiares coa cidade e a marcha en 1931 a Madrid son algúns dos aspectos tratados por María Lopo, que nesta primeira sesión conta coas lecturas da actriz Cora Velasco.
No segundo capítulo, co título "Exilio" e que pode escoitarse desde este xoves, trátase o inicio da Guerra Civil e a súa fuxida a Francia. A súa condición de refuxiada primeiro e de residente privilexiada despois, ou o seu regreso teatral frustrado coa peza "O adefesio", de Rafael Alberti, son algunhas das claves desta cita na que tamén intervén a actriz Rebeca Solla xunto con María Lopo.
O último capítulo, denominado "Teatro" e que estará tamén dispoñible desde o venres, está dedicado á súa carreira teatral. A gravación puxo o foco na prolífica traxectoria da actriz na escena gala. A súa estrea en 1942 no teatro Les Mathurins, a súa pegada no histórico Festival de Avignon, os seus anos na comedia francesa, o seu paso polo Teatro Nacional Popular ou os seus traballos con autores como Albert Camus ou Jorge Lavelli serán os fitos principais desta sesión na que participa, xunto a María Lopo, a actriz María Francelina.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible