26 de agosto de 2026
Onte pechou o prazo para a presentación de ofertas do concurso convocado polo Consorcio de Turismo para os destinos nacionais
O prazo aberto para presentar ofertas para cubrir os destinos nacionais no concurso convocado polo Consorcio de Turismo pechou onte, coa presentación dunha única compañía, Volotea, para operar as cinco rutas propostas: Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante. O concurso especificaba as seguintes conexións que deberían ofertar as aeroliñas interesadas.
Málaga: 208 voos anuais e un mínimo de 37.440 prazas ao ano.
Valencia: 208 voos anuais e un mínimo de 37.440 prazas ao ano.
Bilbao: 180 voos anuais e un mínimo de 32.400 prazas ao ano.
Sevilla: entre 288 e 352 voos anuais, segundo a anualidade do contrato, con ata 63.360 prazas.
Alacante: entre 146 e 180 voos anuais, segundo a anualidade do contrato, con ata 32.400 prazas.
Agora seguirá adiante o proceso administrativo coa achega de documentación e cos trámites precisos. De cumprirse os requisitos, o dito contrato quedará formalizado este outono. "A nosa intención é que, antes de que finalice este ano, os primeiros avións poidan cubrir as novas rutas", indicou a alcaldesa, Inés Rey.
Rey explicou que, unha vez máis, é o Concello da Coruña o que asume un importante investimento para poder darlle servizo a boa parte da Galicia. En total, recordou, son 6,6 millóns de euros os que se destinarán á promoción turística da cidade nos distintos destinos nacionais, promoción que inclúe tamén o establecemento das novas rutas.
"Seguimos a apostar por Alvedro e por prestarlles o mellor servizo público aos coruñeses e coruñesas", indicou Rey, que resaltou tamén a oportunidade que supón para a cidadanía a posibilidade de contar con eses cinco novos destinos, que se suman aos nacionais que xa operan desde Alvedro: Madrid, Barcelona, Gran Canaria e Tenerife Norte. Seguen a operar os internacionais a Milán e Xenebra.
Proximamente, recordou a alcaldesa, convocarase tamén desde o Consorcio un concurso específico para as rutas internacionais, para buscar, deste xeito, a promoción da cidade fóra de España mais tamén co fin de contar con voos directos que faciliten a conectividade da Coruña cos cinco continentes.

20 de agosto de 2026

14 de agosto de 2026

11 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible