Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de maio de 2016

Xiao Varela indica, sobre a intención do Goberno local de adquirir os terreos da Solana: "Temos que preguntarnos se queremos que esa zona sexa pública, ou quede en mans privadas"

O concelleiro de Rexeneración Urbana amosouse “satisfeito” porque a Autoridade Portuaria acordase estudar a proposta municipal. "Entendimos que se trata dun investimento que podiamos asumir", dixo

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, atendeu esta mañá aos medios, un día despois da celebración do Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña (AP), escenario no que o responsable municipal comunicou a intención do Goberno local de facerse cos terreos da Solana, que o Porto coruñés ten previsto vender xunto coa parcela sobre a que se asenta o Hotel Finisterre. O edil destacou que o prezo de taxación, marcado por unha consultora independente, foi unha das razóns que motivou a oferta municipal. “Cando vimos a idoneidade e rendabilidade dos terreos, e que realmente se trataba dunha inversión que podía asumir o Concello, fixemos a nosa proposta”, comentou. “Aquí o que hai que pensar é que preferimos, se intentar que por un prezo razoable este solo sexa público ou se preferimos que o leve unha empresa privada. A realidade é que dende o Concello non temos outra ferramenta para acceder a esa parcela que mediante a súa adquisición, xa que non estamos na mesma situación que nos terreos da Mariña-Parrote, nos que imos conseguir a cesión gratuíta por parte do Porto”, reflexionou.

Varela amosouse “satisfeito” porque no día de onte, a proposta do Concello de adquirir os terreos da Solana á Autoridade Portuaria “quedase sobre a mesa para poder ser estudada”. “Agora está en mans da asesoría xurídica, e nós imos seguir traballando para poder materializar esta compra”, explicou o concelleiro, que recordou que se trata dun “lugar estratéxico da cidade, situado no bordo litoral e onde hai equipamento deportivo moi necesario para a zona”. A este respecto, Varela comentou que a concesión dos actuais adxudicatarios dos terreos da Solana remata en 2027. “Se finalmente nos puideramos facer cos terreos, a concesión actual teriase que manter até esa data, aínda que mentres tanto, a Administración Local percibiría o alugueiro derivado desa adxudicación”, comentou. Unha vez rematada a concesión actual, o Concello podería, se así o desexa, xestionar directamente o terreo.

A pretensión municipal é que do mesmo modo que a Autoridade Portuaria realizou dúas taxacións dos terreos que pretende vender --por un lado os do Finisterre e por outro os da Solana--, tamén segregue a subasta. “Entendemos que é unha cuestión exclusivamente xurídica que se pode solventar”, apuntou.

Cesión gratuíta dos terreos da Mariña

Por outro lado, o titular de Rexeneración Urbana recordou aos medios que no día de onte, no marco do Consello de Administración do Porto, iniciáronse os trámites para que AP ceda ao Concello, de forma gratuíta, os terreos da Mariña-Parrote. “Estamos contentos, xa que estamos máis cerca de conseguir uns terreos que sempre reivindicamos que debían ser da cidadanía”, subliñou.

Do mesmo xeito, na xuntanza de onte, Varela, en calidade de representante do Concello --institución que tamén forma parte do Consello de Administración da Autoridade Portuaria-- solicitou información sobre a reclamación por sobrecostes por valor de 9 millóns de euros que fixo ao Porto a UTE encargada das obras do túnel da Mariña. “Deixamos claro que o Concello non se vai facer cargo de ningún sobrecoste que teña que ver coas obras”, apuntou, á vez que recordou a existencia dunha cláusula que estipula que a Administración local non asumirá reclamacións que relacionen a AP coa adxudicataria das obras. “Propuxemos levar a cabo unha comisión de investigación que foi rexeitada polo Consello, aínda que si nos indicaron que se nos daría a información que solicitasemos”, explicou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión