20 de outubro de 2016
O rexedor da Coruña, xunto cos seus homólogos de Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada, Betanzos e Bergondo acordaron elaborar, no prazo dun ano, un proxecto para a Lei da Área Metropolitana da Coruña que remitirán ao Parlamento. O documento será enviado aos alcaldes de Abegondo, Carral e Arteixo, que xa amosaron o seu consenso. As corporacións firmantes levarán o texto a Pleno local en novembro
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado dos seus homólogos de Culleredo, Julio Sacristán; Cambre, Óscar García Patiño; Oleiros, Ángel García Seoane; Sada, Benito Portela; Betanzos, Ramón García Vázquez, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Perez, asinaron esta mañá a Declaración de María Pita, manifestación institucional que amosa o compromiso das distintas corporacións por impulsar a creación dunha Área Metropolitana da Coruña a través da aprobación no Parlamento de Galicia dunha normativa específica que a regule. "Esta firma é un paso máis de cara a institucionalizar un proceso no cal levamos xa tempo traballando, de maneira conxunta e dende o consenso", indicou Ferreiro, que matizou que "este proceso, que culminará na Cámara autonómica, ten que contar con todos e todas, non só os concellos que estamos hoxe aquí, senon os que non están pero amosaron o seu apoio á iniciativa, os distintos grupos políticos, a Deputación da Coruña e a propia Xunta de Galicia". "Mediante esta declaración comprometémonos a, no prazo dun ano, ter listo un proxecto da Lei da Área Metropolitana da Coruña, que será logo remitido a todos os grupos parlamentarios para poder ter o seu apoio no Parlamento", avanzou o mandario coruñés. "Quero agradecer a valentía amosada polos alcaldes e a alcaldesa. Hoxe poñemos o punto de partida a unha singradura histórica para a nosa comarca", valorou.
A denominada Declaración de María Pita destaca que a comarca ten unha serie de necesidades comúns, como son "o fortalecemento da conectividade da Coruña coa contorna, a posta en marcha dun sistema de ordenación e xestión urbanística coordinada, o desenvolvemento de plans estratéxicos de potenciación tanto do Porto Exterior como do aeroporto, a creación de instrumentos específicos e flexibles para a xestión conxunta de servizos intermunicipais, e a posta en marcha dun modelo de mobilidade metropolitana baseado nos medios de transporte públicos como forma de superar a conxestión actual do transporte da comarca". (Axuntamos texto completo da Declaración de María Pita).
Ferreiro explicou, nunha rolda de prensa conxunta que tivo lugar tras a sinatura, que no día de mañá o texto será remitido aos alcaldes de Abegondo, Antonio Santiso Miramontes; Arteixo, Carlos Calvelo, e Carral, José Luis Fernández Mouriño, para que se poidan adherir ao mesmo. Estes tres rexedores estiveron presentes na reunión que tivo lugar o luns en María Pita e amosaron o seu apoio á iniciativa.
Folla de ruta
Durante a comparecencia, Ferreiro explicou que o acordo chegado entre os concellos asinantes da Declaración de María Pita pasa por comenzar a partir de mañá --como data de constitución do Parlamento-- a solicitar xuntanzas cos distintos grupos con representación na Cámara autonómica "para trasladarlles a nosa intención". "Non é ningunha ocorrencia que este proceso se inicia precisamente dende os concellos. Esa posibilidade está contida na Lei de Bases de Réxime Local de Galicia". "A Área Metropolitana partirá dos concellos, pero sumando tamén aos partidos, á Deputación e á Xunta", incidiu. Os alcaldes e a alcaldesa asinantes da declaración institucional acordaron ademais levar aos seus respectivos plenos municipais durante o mes de novembro a ratidicación do texto acordado. "A iniciativa dos rexedores é fundamental, pero cremos que este é un proceso suficientemente importante como para que sexa consensuado. Agardo que teña o apoio de todos os grupos e, a partir de aí seguir traballando en común", subliñou.
Na comparecencia, os rexedores e a rexedora asinantes subscribiron de forma unánime a relevancia da declaración. Neste sentido, o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, salientou a "necesidade imperiosa" da comarca por iniciar este proceso. "A interdependencia que temos de servizos fan necesaria a coordinación. Temos un traballo en común de anos e as mesas que se constituíron hai uns meses [en Mariñán] veñen corroborar que é imprescindible artellar eses servizos a través dunha área metropolitana, para ser mellores e máis baratos". Na mesma liña, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, puxo en valor o traballo común e a experiencia previa dos concellos, antepoñendo "os intereses da cidadanía" ás súas diferencias, "como estamos a facer tamén co acto de hoxe". "Os nosos veciños e veciñas estánnos demandando que nos poñamos dacordo nalgo tan fundamental como que a área da Coruña teña o peso específico que debe ter en Galicia", observou. O alcalde de Betanzos, Ramón García, pola súa banda, chamou a sacar o proxecto adiante "o máis rápido posible", coa colaboración da Xunta, a Deputación e daqueles concellos que se poidan incorporar. "Cada vez faise máis necesario compartir servizos e obxectivos, niso Bentanzos debe estar, e debemos contar tamén con distintos concellos que se poidan agregar a este importante proxecto, que é un primeiro paso, pero necesario para chegar á meta", indicou.
Durante a súa intervención, o alcalde de Sada, Benito Portela, saudou a "visión metropolitana do Goberno da Coruña desde o minuto cero, e a vontade de saber que A Coruña non acaba na ponte da Pasaxe". "En abril diagnosticamos unhas necesidades e pensamos que a solución máis acaída sería a Lei da Área Metropolitana; hoxe estamos aquí e estaremos aquí cando haxa que estar porque as necesidades da xente son e seguirán sendo as mesmas. Estamos convencidos, os que estamos aquí e outros que non están pero que estarán, que a mellor solución para todos é a área metropolitana", manifestou. O primeiro edil de Cambre, Óscar García Patiño, definiu a declaración asinada hoxe como "un gran paso para a comarca". "Se queremos solucións, o primeiro é detectar os problemas e apostar para buscar esas solucións, e o alcalde da Coruña, e o resto de alcaldes e alcaldesas que están hoxe aquí, apostaron", valorou. Pola súa parte, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, recordou que "non hai solución aos grandes problemas se non hai grandes solucións, abarcadas polo conxunto de que as ten que buscar". "Hai servizos imprescindibles para os cidadáns e hai que buscar que funcionen da mellor forma posible e o máis barato posible. Para abaratar servizos hai que estar o que se debe, e hoxe, onde se debe é aquí. A cidadanía está esperando solucións e ten que haber consenso", considerou, valorando este como o proxecto "que todos [os concellos da área coruñesa] estabamos demandando, e que tiña que terse feito hai moitísimos anos". Tamén, recordou que para levalo adiante "haberá que contar coa coa Deputación, que é imprescindible e que está totalmente dacordo, e coa Xunta, que é imprescindible e moi importante". "Pediremos que tire para diante do mesmo xeito que o fixo en Vigo", sinalou.
Pola súa banda, Xulio Ferreiro comentou que o Concello coruñés conta con orzamento dispoñible previsto para este ano e tamén no proxecto presupostario do que vén que poder destinar, se así fose necesario, á elaboración do planeamento da Lei de Área Metropolitana. Non obstante, indicou que tamén contan coa Deputación da Coruña, "que xa ofreceu o seu apoio económico". "Este proxecto desperta un gran consenso, e iso é o positivo. Temos tamén o apoio da Deputación, cuxo presidente e cuxa vicepresidenta manifestaron a súa intención de estar presentes neste acto, ao que finalmente non puideron asistir por temas de axenda", comentou o alcalde.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible