22 de decembro de 2017
As instalacións deportivas exteriores do centro escolares acollerán este sábado unha xornada inaugural de ‘Aberto ao Barrio’, cun servizo de dinamización que fomentará a práctica de distintas actividade
A Concellería de Xustiza Social, dirixida por Silvia Cameán, que ten as competecias na área municipal de Educación, pon en marcha esta fin de semana no CEIP Fernández Latorre o piloto do programa Aberto ao barrio, proxecto que se basea na apertura de centros educativos fóra do horario lectivo para que a veciñanza poida facer uso das instalacións deportivas exteriores. A xornada inagural do uso destas instalacións fóra do horario lectivo será este sábado, 23 de decembro, se ben está previsto que, a partir da vindeira semana, os horarios de apertura sexan os venres, de 18.00 a 20.00 horas e os sábados, domingos e festivos, de 16.00 horas a 20.00 horas. De cara a dar as máximas garantías tanto ao centro como á veciñanza, o Concello habilitará un servizo especial de vixiancia e seguridade, así como a figura dunha persoa monitora que dinamizará e organizará as actividades, que poderán ser suxeridas polas propias persoas participantes. No marco deste programa, a administración local tamén financia un servizo de conserxería, encargado da apertura e do peche das instalacións, así como habilitará un seguro de responsabilidade civil, para asumir calquera incidencia que se poida derivar da realización das actividades.
Está previsto que na xornada inaugural deste sábado (en horario de 16.00 a 20.00 horas) desenvólvanse distintas actividades, como xogos populares e tradicionais, pre-deportivos, danzas do mundo, e distintas competicións deportivas. Cameán, que quixo agradecer a vontade de colaboración tanto da dirección como da comunidade educativa do CEIP Fernández Latorre, indicou que "estamos a dar cumprimento a unha das nosas medidas programáticas e a unha reivindicación histórica das ANPA e de distintos centros educativos da cidade".
"Queremos unha escola aberta ao barrio, que teña un papel activo como fabricante de significado. Para nós, este proxecto piloto, que se inicia no CEIP Juan Fernández Latorre, non fai senón fomentar unha relación bidireccional entre os centros educativos e o barrio, xerando espazos de aprendizaxe cooperativa, de encontro, de ocio alternativo e de mellora da calidade de vida das persoas", comentou a titular de Xustiza Social. "Aberto ao Barrio pon de relevo que o crecemento dunha sociedade está baseado no común. Como moi ben sinala Tonucci, os nenos e nenas teñen dereito a xogar, aínda que a realidade é que en boa parte das prazas e das rúas o xogo está vetado. Por iso, abrir os centros escolares implica permitir que os e ás nosas nenas gocen destes xogos, que desfruten dunha Coruña realmente próxima", reflexionou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible