16 de novembro de 2016
A concesión destas axudas vai dirixida “a favorecer a igualdade e a inclusión social”, segundo a edil Silvia Cameán
A Concellería de Xustiza Social e Coidados, dirixida por Silvia Cameán, vén de conceder subvencións a distintas entidades de iniciativa social ou agrupacións de persoal que desenvolven a súa actividade na cidade por valor de 74.859 euros. Estas axudas, contempladas no Orzamento Municipal do presente ano e aprobadas na Xunta de Goberno Local do pasado 29 de xullo, teñen como obxectivo principal fomentar actividades de promoción e reinserción social na prestación de servizos sociais, "dirixidas a favorecer a igualdade na cidade e dar cobertura ás necesidades de persoas en risco de exclusión social e maior vulnerabilidade", sinala a responsable municipal. En total, serán 30 as entidades sen ánimo de lucro que percibirán estas axudas, que irán desde os 288 até os 3.230 euros nos casos de maior contía, para sufragar os gastos derivados do funcionamento da entidade e necesarios para o desenvolvemento da actividade ou do proxecto obxecto da axuda que se solicita, como os gastos de persoal, profesionais ou de talleres e outras accións. "Este Goberno ten presente e moi claro que chegou a María Pita para facer que as veciñas e veciños desta cidade teñan unha vida mellor e poidan gozar dunha situación de dignidade", explica Cameán, ao referirse "ao labor encomiable que cada día realizan as distintas entidades sociais na cidade, axentes fundamentais no desenvolvemento da nosa sociedade".
Entre os criterios tidos en conta por Xustiza Social para a concesión destas axudas, correspontentes á convocatoria de 2016, establécense o contido e a calidade técnica da actividade ou proxecto, así como o seu grado de adecuación ao obxecto coa convocatoria e relación co ámbito dos servios sociais. Tamén se tiveron en conta a tipoloxía e temporalización das actividades ou proxectos, o perfil de persoas beneficiarias directas, así como ou o emprego da lingua galega na realización e difusión da iniciativa.
As entidades cuxa solicitude foi condecida son as seguintes: A.VV Castrillón - Urbanización Soto "IAR", Fundación Indaga, Asociación Socioeducativa para la Educación (ASEDUC), Asociación SOS Racismo Galicia, APACE - ANPA Centro Educación Especial (ASPANAES), Fundación Abrente, Fundación Érguete Integración, Liga Reumatolóxica Galega, Fundación Escoita, ANPA CEE María Mariño, Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES), Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Gallega contra Fibrosis Quística, Agadhemo, Asociación Social e Cultural Boanoite, Fundación Autismo Coruña, Asociación Gallega de Ataxias, Federación Asociacións Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Ecos do Sur ONGD, La Quinta del Arte, Asociación West Galicia, Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), Marola Fútbol Club, Instituto de la Caridad Universal Solidaria (ICUS), Asociación Xiradoira, Viraventos ONGD, Comité Ciudadano Antisida CASCO, Asociación de Voluntarios Ayuda a Necesitados (AVAN), Miradas al Mundo e o Grupo de Minusválidos de A Coruña (GRUMICO).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible