7 de maio de 2026
Inés Rey será a encargada de ler o pregón este sábado no núcleo máis recente en sumarse aos barrios da cidade
Esta fin de semana celébranse as primeiras festas do barrio de Xuxán, un acontecemento importante que demostra a consolidación da vida veciñal nun dos barrios máis novos da cidade, que aínda segue a crecer co desenvolvemento de proxectos urbanísticos e a ampliación continua dos servizos públicos na zona.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañará a veciñanza neste acontecemento que pon de relevo o crecemento da urbe e o nacemento dunha nova identidade que pasa a formar parte da grande identidade compartida coruñesa. A rexedora será a encargada, o sábado ás 14.00 horas, de ler o pregón, ao que seguirá un programa cargado de actividades para todas as idades. Antes do pregón, os festexos comezarán cunha chocolatada con churros ás 11.00 horas e un taller divulgativo de reciclaxe ás 12.00 horas.
"Como alcaldesa non podo explicar con palabras o orgullo que sinto ao ver que o desenvolvemento da cidade estea a permitir que áreas urbanas de recente creación empecen a forxar o sentido de comunidade que comparten todos os barrios coruñeses. Xuxán é unha aposta estratéxica deste Goberno local e un factor crucial para afrontar unha expansión moderna, sostible e que mellore a calidade de vida das súas persoas residentes", apuntou a alcaldesa, quen recordou o recente investimento de 10 millóns de euros executado alí e que permitou convertir Xuxán nun barrio real, con rúas, parques infantís e zonas verdes e conectado co veciño Matogrande.
O programa completo inclúe:
Sábado 9 de maio
11.00: Chocolate con churros
12.00: Xogando a reciclar
14.00: Pregón de Inés Rey
14.15: Sesión vermú
16.30: Actividades infantís inchables e Festa da escuma
18.30: Nova Trova Coruñesa
21.30: Concerto 80-90's de Pablo Balseiro
22.30: Acendido
23.15: Sesión DJ
Domingo 10 de maio
11.00: Pasarrúas a cargo de Folerpas
12.00: Xogos tradicionais a cargo da asociación veciñal
13.30: Sesión vermú con Os kibbis
15.30: Sesión musical xuvenil
17.00: Tardeo 80-90's con DJ
O Concello fai unha aposta decidida de apoio a todos os barrios para que celebren as súas festas veciñais. Este ano, o investimento supera os 500.000 euros para as 28 festas, ata 20.000 euros para cada unha das asociacións, co requisito de que as programacións sexan de carácter aberto e gratuíto. Entre os gastos subvencionables están os cachés, alugueiro de equipos de son, transporte de materiais, iluminación, instalación eléctrica, seguros e aqueles que directamente sexan precisos para organizar as festas.
"As festas de barrio fan comunidade e crean vínculos, por iso o Concello acompaña todos os anos á veciñanza e apoia con fondos municipais as celebracións, sempre en diálogo coas asociacións para asegurar a programación de actividades abertas", indicou Rey.

29 de abril de 2026

7 de abril de 2026

18 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible