2 de outubro de 2019
A concelleira de Benestar Social presentou esta mañá unha nova cita do ciclo “Lírica inclusiva”, que achegará o xénero esta tarde nun concerto de balde, ás 19.00 horas, no Centro Cívico de San Diego
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presentou esta mañá xunto co persoal responsable de Amigos da Ópera e a Fundación Emalcsa o ciclo "Lírica inclusiva", pensado para os barrios e que traerá a voz da soprano Carmenchu Domínguez e o tenor David Ferreiro. A parella ofrecerá hoxe, ás 19.00 horas, un concerto con arias de óperas, zarzuelas e musicais no Centro Cívico de San Diego.
A edila destacou o valor dunha cuarta entrega por tratar de achegar o xénero a un público alleo a través de pezas coñecidas como, neste caso, a banda sonora de "West side story" ou "Madama Butterfly", pezas que terán un acompañamento de piano coa posta en escena de Gabriel López. Ademais, remarcou a gratuidade dun evento no que se poderá gozar da potencia vocal da cantante dominicana que foi unha das artífices do éxito de "Don Carlo", de Verdi, que tivo lugar o pasado sábado no Teatro Colón dentro da programación lírica coruñesa. Pola súa parte, o tenor coruñés tamén actuou recentemente no mesmo escenario dentro do "Réquiem" de Mozart, coa Orquestra e o Coro Gaos.
"Lírica inclusiva" naceu en 2016 promovido por Amigos da Ópera e a Fundación Emalcsa para sacar a ópera dos espazos habituais e levala aos barrios co fin de crear novos públicos e chegar tamén a persoas con algunha discapacidade ou coa mobilidade reducida. Desde entón, a iniciativa repartiu experiencias en lugares como a institución Padre Rubinos, a Asociación Down Coruña, os centro cívicos de Monte Alto e dos Mallos ou o Centro Ágora. "Lírica inclusiva" recibiu un dos Premios Líricos Nacionais, que se entregarán en 2020.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible