Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de maio de 2026

A 30ª edición do Día da Ciencia na Rúa reúne unha grande afluencia de público de todas as idades nas 54 xaimas de Méndez Núñez

Decenas de actividades, talleres e charlas divulgativas encheron os xardíns nesta data promovida polo Concello

A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe as actividades que se desenvolveron nos Xardíns de Méndez Núñez con motivo do 30º Día da Ciencia na Rúa, que se celebrou coa participación do Concello, dos Museos Científicos Coruñeses, da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e da Cátedra EMALCSA-UDC. As 54 xaimas educativas ocupadas polas entidades se encheron de talleres, charlas e xogos para toda a familia, moi especialmente para os nenos e nenas.

"O Día da Ciencia na rúa é xa unha tradición moi consolidada nesta cidade. É unha forma única e máxica de achegar os coñecementos aos rapaces e rapazas, dun xeito divertido que tamén é moi interesante para os pais e nais. Cada ano é máis espectacular o traballo que se fai. O Concello sempre vai estar detrás, apoiando estas iniciativas", apuntou a alcaldesa, Inés Rey. 

En total participaron 44 centros educativos da Coruña, Cambre, Carral, Arteixo, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Ribadeo, Ortigueira, Baio e Poio. A gran novidade deste ano foi a celebración nos Xardíns de Méndez Núñez, debido ás obras que están a realizarse no parque de Santa Margarida. Non obstante, nos soportais da Casa das Ciencias desenvolvíronse tamén actividades paralelas ofrecidas pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, Bricolabs e Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas universitarias).

As numerosas propostas deste ano incluíron proxectos tecnolóxicos, como unha man robótica feita con materiais caseiros; un robot filtrador de plásticos para area; un sensor de humidade feito con transistores, ou xoguetes eléctricos con materiais reciclados. Tamén houbo actividades de extracción de ADN, experiencias para mostrar os efectos da choiva aceda sobre as pedras dos monumentos, reaccións químicas que parecen trucos de maxia e unha gran variedade de experiencias e xogos sobre bioloxía, botánica, física e outras disciplinas científicas. Nesta edición contouse tamén coa participación do alumnado da Escola Infantil de Monte Alto, que levarán a cabo unha representación a grande escala do firmamento, para invitar os máis pequenos a descubrir as estrelas, planetas e constelacións.

Xunto ao alumnado de todos os niveis educativos tamén participaron profesionais da investigación e a divulgación, que presentaron un diverso programa de contidos científicos para toda a cidadanía nos postos da Cátedra Emalcsa-UDC co seu programa de divulgación COAWA.

A lista de entidades colaboradoras tamén incluíu á Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñaría de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña e a Asociación Luzada da Facultade de Física da USC.

Hoxe tamén se celebrou a xornada de portas abertas dos Museos Científicos, que permeteu a centos de personas visitar gratuítamente a Domus, a Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae. Ademais, para facilitar o trámite ás persoas maiores de 65 anos, permitíuselles entrar aos centros sen necesidade de facer reserva previa.  

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión