15 de maio de 2024
Inés Rey chamou esta mañá ao presidente do Real Club Deportivo para retomar a relación entre ambas as institucións
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acepta a rectificación feita pública pola dirección do RC Deportivo anunciando que o accionista maioritario desbota a súa pretensión inicial de obter a cesión do estadio durante 40 anos e acepta tamén a chamada cláusula de arraigo que desde un primeiro momento propuxo o Goberno local, renunciando tamén á explotación económica do estadio fóra da actividade deportiva.
A alcaldesa valorou "moi positivamente a súa disposición a firmar o convenio para o uso gratuíto de Riazor durante os próximos 25 anos nos termos propostos polo goberno, moi semellantes aos agora vixentes e que evitan calquera tipo de especulación co patrimonio público municipal".
Inés Rey mantivo esta mesma mañá unha conversa co presidente do club, Álvaro García Diéguez, para retomar a relación entre ambas as institucións. Rey lamenta que se privase á afección da merecida celebración en María Pita o día seguinte do tan ansiado ascenso.
A alcaldesa celebra, en todo caso, o cambio de parecer do accionista maioritario do Dépor e que acepte finalmente as condicións que rexeron a cesión do estadio municipal durante os últimos 25 anos. A praza e o Palacio Municipal, indicou Rey, están abertas para acoller os xogadores e o cadro técnico para celebrar a volta do club ao fútbol profesional. O Concello, avanzou a rexedora, colaborará cos actos de celebración que se organicen como sempre fixo.
Rey avanzou tamén que de xeito inmediato iniciará os trámites para renovar o convenio de cesión nos termos do actual acordo, asinado no ano 2000 e con vencemento no 2025.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible