16 de xaneiro de 2026
Hai seis actuacións programadas ata mediados de marzo. A primeira delas, este domingo 18 (12.15 horas) no Teatro Colón
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) xa quenta motores de cara ao inicio da súa tempada de concertos de inverno, que comezará este domingo 18 (12.15 horas) no Teatro Colón, nunha actuación que contará coa cantante Irene Cerqueiro como convidada especial.
Cerqueiro, formada no conservatorio profesional da Coruña, colaborou ao longo da súa traxectoria con agrupacións como Luar na Lubre, Quinteto Cimarrón ou a Orquestra de Cámara Galega, entre outras. Agora, fará o propio coa Banda Municipal, coa que estará sobre as táboas.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a asistir á actuación, que será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no teatro. "O Goberno de Inés Rey aposta por potenciar o noso talento cultural e a Banda é un exemplo disto. A programación de inverno busca chegar a todos os públicos e é, ademais, un altofalante promocional para as novas xeracións de intérpretes".
Neste sentido, o concerto desta fin de semana ábrelle o camiño a unha programación de seis actuacións xa confirmadas ata mediados de marzo, todas elas no Teatro Colón e con artistas, directores de orquestra e músicos/as de alto nivel acompañando a Banda: o 25 de xaneiro, con Andrés Valero como director convidado; o 8 de febreiro, con José Manuel Escobar á trompeta; o 22 de febreiro, con Andrea Lafuente ao piano; o 1 de marzo, con Josemi Vargas como barítono; e xa o 15 de marzo, con Ximo Tarín como director convidado.
O director titular da Banda Municipal, Juan Miguel Romero Llopis, destacou a eclecticidade da programación, que contará con figuras de carreira internacional xunto a artistas locais formados na cidade. "Neste primeiro trimestre contaremos, por exemplo, con Andrea Lafuente e Josemi Vargas, dous dos gañadores do concurso de interpretación do Conservatorio Superior o ano pasado", apuntou Llopis.

16 de xaneiro de 2026

23 de decembro de 2025

22 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible