11 de xullo de 2025
A previsión do Goberno de Inés Rey é licitar os traballos de adecuación no primeiro semestre do vindeiro ano 2026
Esta mañá, o Pleno aprobou por unanimidade o cambio de uso da parcela municipal que acolle, actualmente, o mercado de Palavea. Tal e como precisou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, cualificarase como dotación de uso cultural.
Lage avanzou hoxe que esta medida supón "o primeiro paso, necesario, para executar a construción en Palavea da súa primeira biblioteca pública, mais tamén da súa primeira aula informática". O concelleiro explicou que, ao longo dos anos, e tamén pola existencia dunha gran superficie comercial na contorna, "o mercado de Palavea foi perdendo actividade", coa meirande parte dos postos baleiros.
"Agora, o Goberno de Inés Rey decidiu reverter estar situación aproveitando, ademais, os recursos existentes. Desta forma, propuxemos un cambio de uso para permitir que o mercado pase de praza de abastos a equipamento cultural", concretou Lage, que adiantou que a intención do Goberno municipal é licitar a redacción do estudo de detalle e o proxecto de xeito inmediato "para que a veciñanza poda disfrutar dunha nova infraestrutura cultural no horizonte dos anos 2027-2028".
A este respecto, Lage concretou que o proxecto da nova biblioteca municipal de Palavea estará elaborado antes de que remate o 2025, a licitación terá lugar no primeiro trimestre de 2026 e a previsión é que esté rematada entre 2027 e 2028.
O derrubo dos muros do parque do Observatorio licitarase este mes, no que tamén comezará a elaboración dos Orzamentos do 2026
Tamén esta mañá, no pleno municipal, José Manuel Lage avanzou que a elaboración dos Orzamentos Municipais de cara ao ano que vén, o 2026, arrincará este mes. Para tal o Concello aprobará este mes unha instrución que será remitida a todos os servizos.
Lage adiantou tamén que o este mesmo mes de xullo licitarase o derrubamento dos muros que abrirá camiño á creación do parque do Observatorio, despois de que o Concello acadase a concesión dos terreos por parte do Estado, no pasado mes de xuño.
Aprobado o regulamento do Consello Económico e Social
Noutra orde de asuntos, hoxe aprobouse inicialmente o regulamento do Consello Económico e Social da cidade da Coruña, un órgano que recibiu luz verde da Xunta de Goberno a inicios deste mes.
José Manuel Lage apuntou que haberá un prazo de 30 días hábiles para recoller as posibles alegacións ou suxestións por parte da cidadanía, que contribúan ao perfeccionamento do texto.
"O Goberno de Inés Rey defende como parte da súa esencia os procesos abertos, plurais e participativos. Consideramos que as institucións deben abrirse á cidadanía, dándolle voz polos máis diversos métodos, entre eles a creación de órganos consultivos de carácter permanente e coa máxima representatividade social. Isto, e non outra cousa, é o Consello Económico e Social, un órgano cunha estrutura interna chamado a dar voz ao tecido social e produtivo da cidade. Era tamén este un compromiso adquirido co BNG, outro compromiso máis que agora cumprimos", explicou Lage.
Lage apuntou que, como órgano consultivo e emisor de informes e ditames, o Consello Económico e Social da cidade da Coruña está chamado a ser un interlocutor permanente dos gobernos para valorar todos aqueles asuntos relevantes de interese público, "tendo como fins, entre outros, valorar os instrumentos de planificación estratéxica e aqueles outros de especial transcendencia para o desenvolvemento socioeconómico".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible