24 de xullo de 2026
O vindeiro martes 28 anunciarase o primeiro atleta élite que participará na carreira do día 4 de outubro, que hoxe desvelou o seu cartel oficial, creado polo comunicador gráfico coruñés Antón Lezcano
A alcaldesa, Inés Rey, informou dos preparativos iniciais para a proba, que abre xa as inscricións cunha oferta inicial de 3.000 prazas. Ademais, haberá descontos nas estadías grazas á colaboración de Hospeco
A alcaldesa, Inés Rey, avanzou hoxe os primeiros detalles da próxima Coruña10, a carreira popular máis lonxeva da cidade, e que o vindeiro 4 de outubro chegará á súa vixésima edición estreando unha meta inédita no histórico da proba: a praza de María Pita.
A escolla desta nova meta, tal e como precisou a rexedora, responde a varios factores. "Un deles, o simbolismo de rematar a proba no corazón da cidade nesta edición tan especial", expuxo Rey, que destacou tamén a capacidade da praza para acoller os postos e espazos destinados aos servizos complementarios da carreira.
Neste sentido, María Pita será o punto e final dun percorrido que comezará novamente na avenida de Montoto e percorrerá os Cantóns, Linares Rivas, avenida do Exército e a estrada do porto a Oza, cun treito polo interior dos peiraos, saída á rotonda da Casa do Mar e volta pola praza de Ourense, Cantóns e, finalmente, chegada á praza.
Iván Sanmartín, presidente da Comisión Xestora da Federación Galega de Atletismo (FGA), agradeceu ao Concello o traballo que se está levando a cabo de forma conxunta para promocionar a carreira. "En toda España estase a falar da Coruña e do que se está a facer na cidade, que o 4 de outubro volverá a brillar coa C10", apuntou Sanmartín, que lembrou que a urbe herculina acollerá no ano 2027 o Campionato de España de Ruta, que engloba as probas de Milla, 5K e media maratón.
Na comparecencia ante os medios de comunicación, Inés Rey avanzou que nos vindeiros días haberá máis novidades sobre a XX Coruña10, que dará a coñecer o seu primeiro atleta élite o vindeiro martes 28 de xullo, a través das canles oficiais do Concello.
Inscricións abertas desde hoxe, cos 3.000 primeiros dorsais
Tamén está mañá, a alcaldesa informou da apertura do prazo de inscricións da Coruña10, cos primeiros 3.000 dorsais. En función da demanda existente, o Concello prevé habilitar unha listaxe de agarda para lanzar unha oferta de dorsais extra.
O calendario de inscricións está establecido en tres fases: un primeiro prazo a custo reducido, ata o 16 de agosto; un segundo prazo ordinario ata o 15 de setembro e un terceiro prazo, extraordinario, o 26 e 27 de setembro. Isto, sempre a expensas de que non se esgoten antes as prazas dispoñibles.
Ademais, á hora de inscribirse haberá bonificacións especiais para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e tamén para familias numerosas.
O auxe da participación feminina nas carreiras populares da Coruña
Na rolda de prensa deste venres, as autoridades presentes coincidiron en destacar a boa saúde das carreiras populares na Coruña. No caso da C10, con datos recentes que o apoian, xa que na edición do 2025 participaron 3.500 persoas, o mellor balance da proba desde hai unha década.
E indo ao miúdo dos datos, a alcaldesa destacou tamén o incremento progresivo da participación feminina, que vén crecendo edición tras edición. "Nos últimos anos vimos traballando arreo para integrar as actividades deportivas nas políticas municipais en materia de igualdade, e, paso a paso, imos vendo progresos esperanzadores", expuxo Rey, acompañada tamén polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e por Yolanda González, pertencente á directiva da FGA.
A este respecto, a C10 2025 foi a edición na que se constatou a participación de máis mulleres na carreira: un total de 725. Case un 28% da cifra total de atletas, a porcentaxe máis alta na historia da proba.
"E non é casualidade, porque este fito tamén tivo réplica na C21 de marzo, onde foron máis de 300 mulleres as que participaron no medio maratón, a cifra máis elevada desde a súa posta en marcha. O noso reto non só é incrementar as cifras globais de participación, senón que o público feminino siga gañando presenza porque iso é sinónimo de avances, de que a sociedade dá pasos adiante", indicou Rey.
Por iso, e para continuar con esta liña de traballo, as accións promocionais previstas polo Concello nesta Coruña10 contarán coa implicación de referentes como a exatleta Solange Pereira, que deixou un gran legado no palmarés das probas de atletismo na Coruña, xa que é a deportista con máis vitorias na carreira dos dez quilómetros. Ata en catro ocasións.
Colaboración con Hospeco para facilitar as estadías na cidade
Outra das novidades que incorporará a vixésima edición da Coruña10 será a colaboración establecida entre o Consorcio de Turismo e Congresos e a Asociación Empresarial de Hospedaje de A Coruña (Hospeco), que habilitará descontos especiais de entre o 8 e o 25% en once aloxamentos hoteleiros da cidade para facilitar as estadías na Coruña na fin de semana da carreira, entre os días 2 e 4 de outubro.
Inés Rey agradeceu a boa vontade e predisposición amosada desde Hospeco e, en particular, polo presidente da asociación, Agustín Collazos, que amosou o apoio e ilusión da asociación por colaborar nesta edición da C10. "Entendemos que esta iniciativa non só axuda a dinamizar a cidade, senón tamén a consolidar a ocupación hoteleira en meses nos que os niveis de reservas non son tan elevados", indicou Collazos.
Selo coruñés no cartel oficial desta nova edición
Na rolda de prensa deste venres tamén participou o comunicador gráfico coruñés Antón Lezcano, creador do cartel oficial desta XX edición da Coruña10.
Lezcano profundou no proceso que levou a artellar o cartel, "un proceso que desde a orixe foi moi claro: a C10 é unha carreira referente e moi coñecida. Buscamos sintetizar os conceptos da proba e a cidade a través dunha imaxe directa e moi clara. E así é como naciu a pegada atlántica".
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o traballo de Lezcano para artellar o deseño definitivo do cartel deste ano, caracterizado por un sentimento identitario que busca visibilizar unha carreira emblemática e de prestixio a nivel nacional.
Rey reivindicou o carácter coruñés do cartel da carreira, "unha C10 que cómpre coidar porque desde o Concello entendemos que eventos multitudinarios como as carreiras populares non só promoven os hábitos saudables entre a poboación; tamén son unha forma de facer cidade, de darlle vida ás nosas rúas".
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible