26 de marzo de 2016
A proba celebrarase o sábado 2 de abril e as e os atletas da categoría absoluta percorrerán máis de 6 quilómetros en horario nocturno
Despois da estrea da I Carreira Popular de Matogrande no mes de xaneiro e tras a celebración do medio maratón Coruña21, o IV Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre retoma a súa actividade. A cuarta das sete citas desta tempada 2015-2016 será o vindeiro 2 de abril, coa sexta edición da carreira que se disputa na contorna da Torre de Hércules. A proba, cuxa categoría absoluta reforzará o seu carácter nocturno ao comezar ás 21.00 horas, amplía o seu prazo de inscrición até a mesma semana de celebración da carreira. As e os atletas populares interesados en participar nela poderán anotarse até o 29 de marzo.
A VI Carreira Popular Torre de Hércules, que leva tamén o nome de ‘Trofeo José Antonio Varela Calviño’, conta hoxe con máis de 1.500 persoas inscritas nas distintas categorías. A data límite para formalizar a inscrición son as 23.59 horas do martes 29, sendo esta obrigatoria tanto para as e os participantes no Circuíto de Carreiras como para quen desexe correr e non forme parte del. A solicitude poderá facerse a través da web municipal www.coruna.es/carreiraspopulares ou de xeito presencial até o mesmo día na oficina de Viaxes El Corte Inglés (Avda. Rubine, nº 3-5), en horario de 9.30 a 14.00 horas, e de 16.30 a 20.00 horas.
Todas aquelas persoas que queiran participar na proba, pero non compitan esta tempada na serie de carreiras populares, poden facelo. A cota de inscrición para menores é gratuíta e na categoría absoluta é de 2 euros, agás para o colectivo con dereito a bonificación (persoas desempregadas, maiores de 65 anos e usuarias do carné xove), que aboará 1 euro.
A posibilidade de percorrer un trazado que ten a súa saída e meta aos pés da Torre de Hércules é un dos principais atractivos desta Carreira Popular, a única deste ano cuxa categoría absoluta disputarase completamente en horario nocturno ao comezar ás 21.00 horas. Neste caso, serán 6.590 metros que transcorrerán polo Paseo Marítimo desde a Cidade Deportiva municipal até as Ánimas, nunha volta que levará ás e aos atletas a cruzar unha meta situada á entrada do Monumento Patrimonio da Humanidade.
Unha vez finalizadas as distintas probas, cuxos percorridos poden consultarse na páxina web www.coruna.es/carreiraspopulares, realizarase ás 19.45 horas a entrega de premios para as e os primeiros clasificados en cada unha das categorías, agás a absoluta, que será ás 22.30 horas, ao peche de control da proba (os horarios das saídas poden consultarse aquí).
As e os participantes poderán recoller os seus dorsais o venres, 1 de abril, de 17.00 a 20.30 horas, no Frontón da Cidade Deportiva da Torre. Tamén poderán recollelos o sábado 2 desde as 11.00 horas ata unha hora antes do inicio de cada unha das carreiras na mesma instalación, onde haberá servizo de duchas e gardarroupa (de 20.00 a 22.30 horas).
A serie de carreiras populares Coruña Corre achegouse esta tempada aos barrios dos Rosales, Novo Mesoiro e Matogrande nos meses de novembro, decembro e xaneiro. A IV edición do Circuíto continuará o 26 de xuño en San Pedro de Visma, o 31 de xullo en Oza e finalizará o 4 de setembro no Ventorrillo.
Toda a información sobre as probas, así como o regulamento da competición, pode consultarse na páxina web municipal www.coruna.es/carreiraspopulares

30 de novembro de 2025

21 de novembro de 2025

17 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible