20 de novembro de 2023
A proba, que terá lugar este domingo 26 de novembro, será a última da décima edición do circuíto Coruña Corre
Este próximo domingo 26 de novembro terá lugar a XI Carreira Popular de Novo Mesoiro, que pecha a décima edición do circuíto Coruña Corre. A inscrición pechouse na noite de onte e hai 2.487 corredores e corredoras que formalizaron a súa participación nas diferentes categorías.
A carreira absoluta será de 5.535 metros de distancia. O resto de categorías, un total de seis máis, contarán con percorridos reducidos adaptados para todas as idades. A carreira percorrerá a maior parte do barrio, partindo do pavillón municipal de Novo Mesoiro, na rúa Ancares, e circulando na gran maioría do trazado por asfalto. A recollida de dorsais será o propio domingo 26 no polideportivo a partir das 09.00 horas e ata unha hora antes de cada carreira.
O circuíto Coruña Corre chega ao seu fin como un referente a nivel galego das carreiras populares e unha aposta decidida do Goberno de Inés Rey polo fomento de hábitos de vida saudables. Un dos obxectivos destas probas é a involucración dos distintos barrios nas actividades deportivas promovidas polo Concello.
Alteracións no tráfico
Como é habitual nas probas que congregan a milleiros de persoas nas rúas, haberá unha serie de alteracións no tráfico nas rúas de Novo Mesoiro. En primeiro lugar, estará prohibido estacionar ata as 14.00 horas do domingo nas rúas Ancares e Laxe (en ambos os lados da rúa) e na rúa Illas Sisargas (no tramo alto de baixada cara a rúa Laxe).
Por outra banda, estará prohibido mover os vehículos aparcados nas rúas Fragas do Eume, Ribeira Sacra e avenida de Novo Mesoiro (de Illa de Sálvora a Ribeira Sacra) de 09.45 a 10.45 horas e nas rúas Illa de Sálvora, Laxe e avenida de Novo Mesoiro (desde Illa de Sálvora ata Illas Cíes) de 09.45 a 11.30 horas. Todos os garaxes afectados nestas rúas permanecerán pechados durante o desenvolvemento da proba.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible