Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de setembro de 2025

A Casa das Ciencias acolle desde hoxe a exposición ‘O universo de Fredo’, en lembranza do astrofotógrafo coruñés Alfredo Madrigal

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a visitar a mostra, realizada en colaboración coa Agrupación Astronómica Ío e que recolle, entre outras, espectaculares imaxes da Vía Láctea

Desde este mércores, a Casa das Ciencias abre as súas portas á mostra «O universo de Fredo», unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración.

Alfredo Madrigal (1976-2025), 'Fredo', era coruñés de nacemento e cidadán do universo por amor ao cosmos. Percorreu miles de quilómetros por todo o mundo para gozar da súa paixón polas noites estreladas, desde o norte de Europa ás chairas do oeste dos Estados Unidos, a sabana africana e, por suposto, Galicia. O seu talento como fotógrafo permitiulle rexistrar a beleza dos obxectos do firmamento e tamén das paisaxes, diúrnas e nocturnas.

Esta exposición, realizada en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, é unha homenaxe a Fredo e ao seu universo, ao mesmo tempo que unha reivindicación do encanto da noite.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta tarde no acto de apertura da mostra, instalada na planta baixa da Casa das Ciencias. A exposición contén nove fotografías en gran formato realizadas por Madrigal, nas que nos ensina espectaculares imaxes da Vía Láctea; a nebulosa de Orión; un remanente dunha supernova, que deu lugar á nebulosa do Allo; un novo cúmulo estelar na constelación de Serpens; a galaxia de Bode e o seu satélite, a galaxia do Cigarro, e a nebulosa do Veo, na constelación do Cisne. Tamén hai imaxes de nebulosas nas que é posible imaxinar formas de animais, a do Cabaliño de mar, a da Pinza de Lagosta e a da Pita do monte.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión