Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de abril de 2023

A Casa Museo Picasso acolle desde hoxe a mostra ‘El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad’, que abre o Encontro Mundial de Humorismo 2023

A exposición está composta polas ilustracións de 50 humoristas gráficos que ofrece a súa persoal interpetación de un cadro mítico de Picasso. É o caso de Mingote, Quino, Elena Ospina, Siro López e Pinto & Chinto, entre outros

A Casa Museo Picasso acolleu hoxe a posta en marcha da mostra 'El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad', que abre a terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), con espectáculos de humor e comedia previstos na cidade ata o domingo 7 de maio.

A exposición, comisariada por Juan García Cerrada, do Instituto Quevedo del Humor, está composta polas ilustracións de 50 humoristas gráficos que, á súa forma, reinterpretaron un cadro mítico de Picasso. É o caso de Mingote, Quino, Elena Ospina, Siro López e Pinto & Chinto, entre moitos outros.

A reinterpretación plástica do 'Guernica', convertido nun símbolo artístico da loita contra os conflitos bélicos e, en xeral, todo tipo de violencias, foi unha das cuestións tratadas esta mañá na apertura da exposición, ás 11.30 horas. A alcaldesa, Inés Rey; Juan García Cerrada, do Instituto Quevedo del Humor; e Iago Regueiro -pertencente a Etiqueta Negra, unha das dúas produtoras que promove o EMHU, xunto a Producciones El Espectador-, puxeron hoxe en perspectiva a mensaxe cultural trasladada polos humoristas que imaxinaron a obra de Picasso en clave de humor.

Na apertura da mostra, Inés Rey apuntou que "o Guernica é unha obra inspiradora para a inmensa maioría dos artistas contemporáneos e de maneira moi especial para cada un dos artistas que conforman esta mostra, que nos trasladan que o humor é posiblemente a mellor forma de coñecer a realidade".

A exposición achega o traballo de 50 autores procedentes de 15 países. A selección levouse a cabo, en primeira instancia, tras unha investigación que recompilou referencias previas á obra de Picasso. "Pero, ademais, hai un grupo importante de viñetas que están feitas expresamente para esta exposición, que amosa a universalidade do 'Guernica'", subliñou Juan García Cerrada. As viñetas abranguen referencias diversas a cuestións como as novas tecnoloxías, o medio ambiente e tamén a conflitos bélicos actuais.

A mostra estará aberta ao público na Casa Museo Picasso ata o vindeiro día 30 de xuño: de martes a sábados, en horario de 11.00 a 13.30, e de 18.00 a 20.00 horas; e tamén os domingos e festivos, en horario de 12.00 a 14.00 horas.

O humorista gráfico Siro López protagoniza hoxe o coloquio 'Picasso e a caricatura'

Tamén este venres e xa pola tarde (19.00 horas), a Casa Museo Picasso abrirá as súas portas ao coloquio 'Picasso e a caricatura', unha actividade na que o humorista gráfico Siro López abordará a relación entre Picasso e a disciplina artística. A sesión será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no recinto.

A estimación é que máis de 6.000 persoas asistan, esta mesma fin de semana, aos diversos actos e espectáculos programados no contexto do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) 2023, " un proxecto xa consolidado a nivel nacional como un referente do humor", apuntou esta mañá Iago Regueiro, da produtora Etiqueta Negra.

A programación completa sobre o Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) 2023 pode consultarse aquí.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión