Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xaneiro de 2017

A cidade acollerá este xoves a Cabalgata de Reis, que este ano versará sobre ‘A Coruña teatreira’, unha homenaxe “a súa tradición creativa, artística e imaxinativa”

O alcalde, Xulio Ferreiro, recibirá a comitiva no Pazo de María Pita e acompañará aos Reis Magos no seu saúdo desde o balcón municipal

O Concello ten todo preparado para celebrar mañá, xoves 5 de xaneiro, unha nova edición da Cabalgata de Reis, que este ano percorrerá os barrios de Monte Alto e Pescaría desde as 18.00 horas. Tres cuartos de hora antes, ás 17.15 horas, os Reis Magos chegarán ata o lugar de saída da comitiva, na Rolda de Monte Alto, en coches antigos escoltados polas Harley e vehículos da Policía Local, a través da rúa Galán Calvete, na contorna do parque de Carlos Casares e a antiga prisión provincial da Torre. Tal e como sinala o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, a temática deste acto festivo xirará arredor da idea dunha Coruña teatreira, con referencias ao novo circo e o clown, ao teatro de rúa e todo tipo de expresión escénica en espazos abertos, "e vincula así esta celebración á idea a unha cidade creativa, imaxinativa, colorista e artística, e cun deseño adaptado ao público infantil". A comitiva que acompañará aos Reis Magos este ano estará formada por 13 carrozas (sete do Concello e seis de entidades colaboradoras), ademais da do Servizo Municipal de Bombeiros, e catro trens turísticos. En total, participarán 464 figurantes na cabalgata --na que o executivo coruñés sorteou 323 prazas e cedeu, ademais, 45 para o proxecto solidario Quimions--, e nela está previsto que se repartan, só dende o Concello, seis toneladas de caramelos sen gluten.

Desde as 18.00 horas, a cabalgata discorrerá desde a Rolda de Monte Alto, Avenida de Hércules, rúa da Torre, Panadeiras, Orzán, San Andrés, Santa Catalina, Cantón Grande, Avenida da Mariña e de Montoto, para rematar, contra ás 20.00 horas, na Praza de María Pita, onde a comitiva será recibida polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. A continuación, o rexedor acompañará aos Reis Magos ao balcón municipal, desde onde se dirixirán, co Saúdo Real, as nenas e nenos que se atopen na praza.

Co gallo desta celebración, o Concello ten previsto despregar un dispositivo especial tanto de tráfico como de seguridade durante toda a xornada de mañá. Así, desde as 08.00 horas ata as 18.00 horas non estará permitido estacionar nas marxes do novo tramo da Rolda de Monte Alto --dende Mariscal Loriga até a glorieta do Alcalde Sanjurjo de Carricarte--, a zona de concentración das carrozas desde primeira hora da mañá e de saída da cabalgata. O servizo quedará restablecido contra ás 18.00 horas, a medida que avance a comitiva. Seguindo o itinerario, o estacionamento tamén estará prohibido en Sanjurjo de Carricarte, dende a altura da rúa Washington á Rolda de Monte Alto, en ambos lados da calzada a partir das 14.00 horas; mentres que no resto do percorrido non se poderá aparcar desde as 15.00 ata as 20.00 horas, hora prevista da finalización. Deste modo, suprimirase o estacionamento en toda a Avenida de Hércules, na rúa da Torre (desde a Avenida de Hércules ata Campo da Leña), incluída a parada de carga e descarga dos números 57 e 59, rúa Orzán (desde Panaderas ata o Pórtico de San Andrés), rúa San Andrés (desde o Pórtico ata Santa Catalina) e na mesma rúa Santa Catalina. Ademais, o aparcamento tamén quedará restrinxido na Costa de San Agustín a partir das 18.00 horas.

Unha vez comece a celebración, a Policía Local cortará o tráfico ao paso da comitiva ata a súa chegada á praza de María Pita. Concluído o desfile, entre as 20.00 e 20.30 horas, as carrozas  desprazaranse até o Paseo Marítimo da zona de Pelamios (sentido cara á Torre de Hércules, dende a rúa Veramar) ocupando o carril dereito e, unha vez estean reunidas todas as carrozas, serán acompañadas até o límite do termo municipal.

Transporte público

A celebración da Cabalgata provocará modificacións nos itinerarios de quince liñas de transporte público urbano cuxo percorrido transcorre polo centro da cidade. Así, o Paseo Marítimo e a avenida do Porto serán as principais vías alternativas polas que circularán os autobuses das liñas 1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 4, 5, 6, 6A, 7, 11, 17, 23 e 23A.

As primeiras liñas que modificarán puntualmente o seu itinerario serán as 6 e 6A xa que, desde pola mañá, coa concentración das carrozas na Rolda de Monte Alto, non poderán circular pola mesma. Desviaranse por Santo Tomás ata a glorieta da Ronda con Alcalde Sanjurjo, onde retomarán o seu percorrido habitual. Unha vez comece o desfile, e co corte de tráfico contra ás 18.00 horas na avenida de Hércules, as liñas 3, 4, 6, 6A, 7 e 11 circularán polo Paseo Marítimo desde os Salesianos ata a glorieta da Torre, e terán como cabeza de liña esta parada. As mesmas liñas regresarán polo Paseo Marítimo e entrarán, a través de Modesta Goicouría, na Praza de Pontevedra, onde contarán cunha parada provisional no número 18 (oficinas do Deportivo da Coruña). As liñas 4 e 11, no momento que non sexa posible circular por San Andrés, xirarán desde Francisco Mariño cara a Juan Flórez para continuar por Médico Rodríguez, Fernando Macías, Calvo Sotelo, Avenida de Bos Aires e Paseo Marítimo, ata chegar á glorieta da Torre. Do mesmo xeito, tamén funcionarán as liñas 6 e 6A, que xirarán desde a avenida de Finisterre cara a Juan Flórez,  e as liñas 3 e 7, desde a Avenida de Bos Aires, continuarán polo Paseo Marítimo --a 3 ata Adormideras e a 7 ate a Torre--.

Unha vez que se libere ao tráfico a Avenida de Hércules, as liñas 4, 6, 6A, 7 e 11 circularán pola Avenida de Navarra, Santo Tomás (6 e 6A pola Ronda de Monte Alto), Avenida de Hércules e Ramón del Cueto cara ao Paseo Marítimo, Modesta Goicouría e Praza de Pontevedra. A liña 5, dende Adormideras, circulará tamén polo citado itinerario. A liña 17 --unha vez se restrinxa ao tráfico á Avenida de Hércules, e até que ocorra o mesmo na rúa da Torre-- baixará por Ramón del Cueto, continuando polo Paseo Marítimo até a Torre de Hércules, continuando pola rúa Veramar, onde recuperará o seu horario habitual.

Finalmente, os autobuses que transitan desde a Praza de Ourense cara o Abente y Lago --1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A--, non poderán facelo pola Mariña, polo que circularán pola Avenida do Porto, túnel do Parrote e Praza das Ánimas, regresando, de novo, polo túnel. Para poder facer isto, a parada do Abente y Lago trasladarase á glorieta das Ánimas. Ademais, todas estas liñas que circulen polo túnel contarán cunha parada provisional á altura do Kiosco Alfonso, en ambos os dous sentidos. Pola súa banda, as liñas 5 e 17, continuarán  desde a Praza das Ánimas por Abente y Lago, Metrosidero, Orillamar e Torrente Ballester. Dende aquí, a liña 5 continuará até Adormideras regresando polo Paseo Marítimo coas liñas 3A e 17, cara Veramar, Metrosidero e Abente y Lago, xirando cara ao túnel do Parrote e Praza de Ourense (onde a 17 recupera o seu itinerario habitual). As liñas 3A e 5 continuarán por Juana de Vega e a Praza de Pontevedra, 18.

 

Documentos:

Percorrido Cabalgata 2017 (PDF) (209 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión