20 de outubro de 2023
A representación, dirixida por Víctor Barús, inspírase na peza ‘Presas’, creada na Real Escola Superior de Arte Dramático (RESAD) baixo o selo de Ignacio del Moral e Verónica Fernández
O auditorio do Centro Sociocultural Ágora acollerá o vindeiro venres 27 a volta ás táboas da compañía de teatro do Ágora, que no seu retorno á actividade protagonizará a representación teatral 'Tras las rejas', adaptación da obra 'Presas' de Ignacio del Moral e Verónica Fernández.
A peza, dirixida por Víctor Barús, ten como contexto a España dos anos 40 e, máis concretamente, a dos anos da posguerra. Desta forma, o público asistente será partícipe dunha viaxe no tempo que levará as e os asistentes a un cárcere de mulleres no que as presas, tras os barrotes, reviven as súas historias persoais mentres agardan con incerteza o futuro que virá.
O elenco de protagonistas está integrado por Jacobo Sañudo, Willy Méndez, Tana Rama, Carmen Suárez, Alicia Casal, Lucía Torres, Gelines Romero, Julia Miguel, Carmen Torreiro, María José Fernández, Cristina Otero, Anabel Vergara, Lola González, Tinacho Pena, Javier González-Palancia, Pilar Pato, Alicia González, Benjamín König, Antonio Rumbo, Suso García e Gregorio Saavedra.
O acceso ao espectáculo, que comezará o venres 27 de outubro ás 19.30 horas, será de balde ata completar a capacidade prevista no recinto, polo que non será necesario efectuar ningunha reserva con anterioridade.
15 anos da fundación da compañía de teatro do Ágora
A compañía de teatro do Ágora creouse hai 15 anos, baixo a forma dunha agrupación na que persoas sen experiencia previa en teatro profesional tivesen a oportunidade de participar en representacións nos centros cívicos da cidade.
A iniciativa comezou cunha selección á que se presentaron máis de 180 persoas e, xa posteriormente, no ano 2013, púxose en marcha o grupo de teatro coa representación da obra 'El concierto de San Ovidio', de Buero Vallejo, no Ágora.
Desde entón, Víctor Barús, director de varios grupos teatrais da cidade e cunha bagaxe de medio cento de premios no seu palmarés, encabezou ano a ano a compañía, pola que pasaron máis de 250 actrices e actores para representar pezas teatrais da García Lorca, Valle Inclán, Arthur Miller e Álvaro Cunqueiro, entre moitos máis autores.
'Tras las rejas' bebe dunha peza nada na Real Escola Superior de Arte Dramático
'Presas' naceu como un traballo de fin de curso de interpretación, asignado por un mestre da Real Escola Superior de Arte Dramático (RESAD) ao autor Ignacio del Moral, que colaborou coa guionista de cinema e televisión Verónica Fernández, actualmente directora de contidos para Netflix en España. Tras coller forma como peza teatral e, xa no ano 2007, 'Presas' estreouse pola porta grande no Teatro Valle Inclán de Madrid.
20 de novembro de 2023
19 de novembro de 2023
16 de outubro de 2023
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible