28 de xaneiro de 2016
Silvia Cameán comprometeuse nunha reunión a realizar un informe social para avaliar a situación das persoas que a Administración autonómica pretende desaloxar de catro pisos titularidade do Instituto de Vivenda e Solo
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, e a responsable municipal da área de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, acudiron hoxe a unha xuntanza convocada polo delegado da Xunta na provincia na que se abordou a problemática habitacional que existe nun bloque de vivendas en Novo Mesoiro e no que o Goberno autonómico ten previsto levar a cabo desaloxos en catro vivendas propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Rematada a mesma, Cameán lamentou “profundamente” que a Administración autonómica rexeitase sumarse á comisión de seguimento constituída tras as reunións do Goberno local, a asociación veciñal e a comunidade de propietarios do inmoble en cuestión, para tratar de analizar as diversas vías de solución a esta problemática. Igualmente, destacou que na xuntanza de hoxe, as representantes do Concello da Coruña propuxeron “un pacto a nivel local e autonómico que foi rotundamente rexeitado, que consistía en reubicar as familias que a Xunta pretende desaloxar, e nas que hai menores, en vivendas baleiras da súa titularidade”. “O Goberno local, pola súa banda, actuaría a través dos seus servizos sociais levando a cabo un proxecto de integración destas persoas e establecendo unha carta de compromisos para evitar en todo momento a exclusión social”, engadiu a concelleira. “Non podemos entender que se rexeite esta proposta e deixamos claro que, se a Xunta deixa en estado de abandono a menores nesta cidade, o Goberno local levará a cabo as medidas que sexan necesarias para evitar que isto suceda”, resaltou.
A concelleira tamén quixo destacar o malestar do Goberno local pola, ao seu entender, “falta de lealdade institucional da Xunta” no caso concreto de Novo Mesoiro. “Non cremos que sexa de recibo que convoquen ao Concello a unha reunión cunha orde do día marcada, e que logo coñezamos pola prensa que o que queren tratar, en exclusiva, son os desaloxos que semella que queren levar a cabo en catro pisos da súa titularidade”, dixo. “Esta é unha cuestión que cremos que hai que abordar dende diferentes ópticas, non unicamente levando a cabo desaloxos”, insistiu ante a prensa, ao remate da xuntanza.
Cameán destacou a fonda preocupación que para o Concello supón o feito de que se poida levar a cabo un desaloxo, sen posterior reubicación, de familias con menores a cargo. “Propuxemos á Xunta un pacto, porque cremos que é necesario un realoxo. Pedímoslles que poñan vivendas de titularidade autonómica a súa disposición, que nós actuaremos dentro das nosas competencias”, manifestou, á vez que anunciou o seu compromiso “de solicitar un informe social ás técnicas municipais pertinentes para que avalíen a situación das familias destes inmobles”. “Unha vez con este documento elaborado, tendo especialmente en conta a situación dos menores, que a Xunta leve a cabo as accións que teña que tomar”, engadiu a responsable de Xustiza Social. “Insistimos en que nós tomaremos todas as medidas que sexan necesarias neste caso, incluso poñelo en coñecemento da Fiscalía de Menores”, advertiu.
“Este non é un caso illado, nin se resolve unicamente con desaloxos, xa que o que hai que abordar é unha cuestión de convivencia que leva anos enquistada. Por iso solicitamos facer, entre todos e todas, unha análise pormenorizada e articular unha folla de ruta con accións que desenvolva Xunta e Concello”, declarou. De momento, representantes de ambas administracións volverán a reunirse para abordar este tema nuns 20 días.
“A nosa vontade, coa que asistimos e asistiremos sempre a todas as reunións por este motivo, é atopar unha solución. Xa comezamos hai tempo. De feito, xa a principios de setembro tiven unha reunión co director xeral do Instituto de Vivenda e Solo, na que tamén participou o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, co obxectivo de plantexar diversas medidas de colaboración para abordar esta problemática. Xa entón o que se nos dixo era que se ía comezar con este procedemento de desaloxo, pero non se abriron vías de comunicación”, explicou.
Mostra da disposición do grupo de Goberno de buscar unha solución é a moción presentada no último Pleno municipal --e que foi aprobada por unanimidade-- na que se instaba a Xunta e Estado a tomar medidas, no marco das súas competencias, para abordar a problemática habitacional na rúa Ribeira Sacra de Novo Mesoiro. Tamén se solicitaba a súa participación na comisión de seguimento creada co obxectivo de atopar solucións a esta complexa situación “que merece unha resposta integral, dende diversos ámbitos”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible