21 de agosto de 2017
Cameán destaca “o compromiso do Concello coa educación pública de calidade” e recorda que os créditos iniciais destinados en 2016 polo goberno local a obras de reposición nos centros educativos da cidade son un 48% máis que os orzamentados en 2014 polo anterior executivo
A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, visitou esta mañá as obras do CEIP Emilia Pardo Bazán, consistentes nun cambio de cuberta de cara a solventar as deficiencias e as filtracións de auga que presenta o edificio e que se derivan da situación na que se atopa o tellado. "As obras, que teñen un orzamento de 146.652 euros, van ao ritmo previsto, polo que estimamos que estarán rematadas na primeira semana de setembro, de forma que o centro estea a punto para o inicio das clases", comentou a responsable municipal, que salientou que o Concello da Coruña non ten a competencia específica en obras maiores, como o cambio de cubertas, "mais abordamos esta actuación debido ao noso compromiso coa educación pública de calidade".
Cameán destacou a importancia de que as obras do Emilia Pardo Bazán se desenvolvan en etapa non lectiva. "O goberno local da Coruña, ao contrario do que fixo a Xunta no CEIP Ramón de la Sagra, sabe que é fundamental escoitar á comunidade educativa. Esta obra podía terse realizado con máis antelación durante o propio curso académico, pero preferimos agardar á tempada non lectiva para non xerar ningún tipo de alarma derivada do desamiantado da cuberta", observou. "Hai dúas formas de facer as cousas. Nós preferimos abordar as actuacións de acordo coa dirección dos centros e coas nais e cos pais do alumnado. Aí é onde está o compromiso coa educación", indicou.
Cameán recordou o forte investimento que realizou o goberno local dende a súa chegada a María Pita, en xuño de 2015, destinado a "reverter as demandas históricas de moitos centros educativos desta cidade". "
"Hai uns datos que deixan ás claras o compromiso do executivo municipal cos centros e coas comunidades escolares. Durante o pasado ano, o orzamento total destinado a educación foi de 6,6 millóns de euros. Os créditos iniciais de obras de reposición nos centros educativos en 2014, último ano completo do anterior goberno local, ascendían a 471.500 euros, mentres que en 2016 eran de 702.000 euros, co que estamos a falar dun incremento de case un 49%", explicou a titular de Xustiza Social. "A porcentaxe executada polo goberno local en programas educativos o ano pasado, a pesar da aprobación tardía dos Orzamentos municipais, foi do 81%, fronte ao 55% que rexistrou en 2014 o executivo popular, que estaba en maioría absoluta", comentou.
Cameán quixo incidir "na aposta decidida pola educación pública e de calidade" por parte do Concello, aínda a pesar "das competencias municipais na materia, que son escasas, e de leis estatais que non fan máis que poñer couto ás actuacións da administración máis próxima á cidadanía". Así, a concelleira de Xustiza Social recordou que o Concello tivo que afrontar durante o pasado curso as baixas e xubilacións de traballadores e traballadoras dos servizos de conserxería dos centros educativos "cunha Lei Montoro que pon serios atrancos para cubrir estas baixas". "Aínda así, fomos capaces de dar un servizo adecuado, realizando tarefas de acumulación e grazas as 36 persoas que levaron a cabo tarefas de conserxería", explicou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible