Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de maio de 2016

A Concellería de Emprego e Economía Social saca a concurso os 48 postos baleiros dos mercados municipais favorecendo a inserción laboral de persoas desempregadas

A Xunta de Goberno local dá este venres o visto e prace ao proceso polo que se licitarán as prazas sen ocupación. O concelleiro Alberto Lema destaca que “o Goberno local foi capaz de dar resposta ás demandas da veciñanza, aínda a pesar de que dous grupos da oposición evitasen en Pleno a aprobación das novas ordenanzas de mercados”

A Xunta de Goberno local analizará este venres e dará luz verde ao proceso polo cal o Goberno local sacará a concurso as 48 prazas baleiras que se atopan nos mercados municipais. É  a primera vez dende o ano 1994 que se ofrece a oportunidade de cubrir estes postos, a pesar da demanda tanto dos e das propias praceiras como da cidadanía en xeral. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou ademais, que á hora de adxudicar as concesións o Executivo Local ten como principal obxectivo, máis alá da propia revitalización dos mercados, “favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas, tendo especial sensibilidade cara aqueles veciños e veciñas que se atopan nunha situación de paro de longa duración”.

A intención do Goberno local é sacar a concurso, por un lado, 24 postos nos mercados de abastos coruñeses co obxectivo de favorecer a inserción laboral, e por outro, os restantes 24 postos, no que se valorará o feito de que os e as solicitantes xa conten con experiencia laboral. O departamento de Emprego aposta desta forma por licitar postos “que estean destinados tanto a colectivos nunha situación de maior vulnerabilidade como a aquelas persoas con experiencia laboral acreditada”. A adxudicación das prazas tenrá un período máximo de cesión de 25 anos. As persoas que resulten novas concesionarias destas prazas rexirán os seus dereitos e obrigas en base ás actuais ordenanzas de mercados.

A este respecto, o concelleiro de Emprego, con competencias na súa área sobre a xestión dos mercados coruñeses, recordou que o Goberno local logra desta forma “dar cumprimento a unha demanda da cidadanía para rematar co paradoxo de que existisen prazas baleiras nos mercados coruñeses que tiñan unha forte demanda, e aínda máis nun momento no que estes postos poden supoñer unha vía para a xeración de emprego”. “Este Goberno xa intentou acelerar esta xestión coa posta en marcha dunhas novas ordenanzas reguladoras dos mercados municipais, que non só servisen para licitar estes postos senón tamén para regularizar e unificar a situación do colectivo dos precaristas dentro dos mercados. Non obstante, o pasado febreiro, os votos unidos no Pleno de PSOE e PP privaron á cidadanía desta mellora”, recordou. “Non obstante, o proceso que agora iniciamos dá mostra da vontade de superación deste Goberno, que non deixa de traballar pola cidadanía por moitos atrancos que se lle intenten poñer diante”, opinou.

Favorecer a inserción laboral

Co obxectivo de favorecer o acceso ao mercado laboral, o Goberno local pretende sacar a concurso  24 postos baleiros nos mercados municipais primando, á hora de adxudicar a concesión, tanto o plan de empresa da persoa solicitante como a súa situación laboral. Debido a eso, neste proceso non se requirirá oferta económica, nin o pago do canon. A adxudicación definitiva sosterase nun 59% en base a proposta técnica que se presente e nun 41% en función da súa situación laboral do demandante e do favorecemento da inserción laboral.

Segundo os pregos de contratación que serán mañá analizados na Xunta de Goberno local, valorarase o proxecto de negocio, o plan de markéting e a especialidade e orixinalidade dos productos a vender ou servizos a prestar. O feito de que se trate de productos locais, de comercio xusto, produción ecolóxica ou tradicionais galegos será obxecto dunha maior puntuación. Terase especialmente en conta, por outra banda, a modernización na xestión, a presencia en redes sociais e así mesmo, poñer en marcha no espazo a adxudicar iniciativas innovadoras.

A puntuación técnica mínima para poder continuar no proceso de licitación será de 16 sobre 50 puntos. Pasada esa marxe, os e ás solicitantes serán avaliadas en base a criterios de inserción laboral. Neste caso, optarán a un máximo de 35 puntos. En concreto, as persoas desempregadas con menos dun ano de antigüedade no paro recibirán 3 puntos por cada ano no paro, até un máximo de 15. Pola súa banda, os e as mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que accedan por vez primeira ao mercado laboral poderán recibir até 10 puntos, o mesmos que as persoas en situación de desemprego de máis de 45 anos. As persoas que reúnan algunha das condicións anteriormente sinaladas tamén poderán optar a máis puntuación polo feito de ser muller, ou por ter algún tipo de diversidade física, psíquica ou sensorial acreditada e superior ao 33%.

Os postos que se sacarán a licitación nesta fase ubícanse nos mercados de Monte Alto, Palavea, Elviña, Ramón Cabanillas e San Agustín.

Persoas solicitantes con experiencia no sector comercial

Por outra banda, as prazas para solicitantes con experiencia no setor comercial localízanse nos mercados de Monte Alto, Elviña, Ramón Cabanillas, San Agustín e Eusebio da Guarda. Estes 24 postos teñen un prezo de licitación de distintas cuantías, segundo as características do espazo ofertado. As persoas físicas e xurídicas que decidan optar a estas prazas deben acreditar a súa solvencia técnica, que se entenderá garantida cunha experiencia laboral de ao menos un ano.

Á hora de adxudicar estes postos terase en conta tanto a proposta técnica que realice a persoa ou entidade solicitante do posto como a oferta económica que realice. En concreto, o 40% do valor de baremación outorgarase en base ao plan de empresa que se presente. Se a prosposta técnica recibe unha puntuación superior a 16 puntos (dun total de 40) a solicitante pasará a unha segunda fase de licitación, que neste caso se rexe polo método de poxa, é dicir, a mellor oferta económica presentada, e que suporá o 60% restante dos puntos de baremación.

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión