Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de setembro de 2016

A Concellería de Medio Ambiente aposta pola aplicación de estratexias de residuo cero “para evitar traxedias como a que ocorreu hai 20 anos co derrubamento do vertedoiro de Bens”

María García pon en valor “o novo espazo verde que naceu xusto onde tivo lugar este desastre e do que o Concello garantirá, sempre, os seus usos públicos, de esparcemento para toda a cidadanía”, e explica que “traballa en distintos ámbitos para optimizar a xestión dos residuos en toda a cidade”

A concelleira de Medio Ambiente, María García, fixo hoxe balance da evolución das políticas de residuo cero postas en marcha polo actual Goberno municipal xusto cando se cumpren 20 anos do derrubamento do vertedoiro de Bens, suceso que non só supuxo unha catástrofe ambiental da que a cidade tardou anos en recuperarse, senón que custou a vida dun veciño, Joaquín Serantes, a quen a responsable municipal quixo recordar nesta xornada. A edil indicou que o Executivo municipal "traballa, a través de estratexias de residuo cero, para que nesta cidade nunca volva a darse unha situación semellante". En concreto, indicou que o Goberno municipal e, en concreto, o seu departamento, "ten distintas frontes de traballo, cuxos obxectivos son optimizar a xestión de residuos que se fai na cidade". "Temos varios obxectivos, como son, reducir a cantidade de residuos, sensibilizar á cidadanía e mellorar tanto as técnicas de recollida como as de tratamento", indicou.

Ao fío, tamén recordou que "A Coruña, sobre todo en temas referidos ao medio ambiente, non pode actuar ás costas da súa contorna, polo que estamos a levar a cabo numerosas estratexias, tamén de tratamento de residuo cero, a nivel comarcal, co Consorcio das Mariñas, para mellorar o tratamento do lixo, así como a satisfacción da cidadanía". Así, enumerou a posta en marcha de campañas conxuntas de sensibilización, "ademais de estudos de fórmulas de xestión conxunta da planta de Nostián, e por suposto, o denominado Acordo de Mariñán, que impulsamos co resto de administracións locais para poñer en marcha un marco de actuacións conxuntas".

En canto as actuacións impulsadas propiamente dentro do concello coruñés, García salientou as encamiñadas a mellorar a separación en orixe que se implementaron durante o último ano e medio, como as campañas informativas nos contedores de residuos orgánicos e inorgánicos, a de recollida de residuos voluminosos e de aparatos eléctricos, e os programas para a recollida selectiva tanto de roupa usada como de aceites domésticos (coa colocación na cidade de contedores específicos). A posta en marcha de programas de reforzo na recollida de residuos urbanos na zona centro da cidade, a de maior concentración de negocios hosteleiros, nas campañas de verán e nadal, tamén conseguiron "grandes resultados", así como, neste ámbito, "a posta en marcha da Patrulla Verde, un departamento específico da Policía Local, que foi especialmente formado, e que ten como principal obxecto levar a cabo funcións de concienciación sobre a xestión de residuos dos grandes produtores". Por outro lado, a Concellería de Medio Ambiente tamén ten posto en marcha diversas accións de fomento da compostaxe, nas súas máis diversas variantes. "Neste apartado, temos que lamentar á negativa da Xunta a conceder ao Concello unha liña de axudas para poder dotar ao mercado de froitas dunha compostadora, iniciativa que esperamos poñer en marcha no futuro", explicou.

Da mesma forma, abordáronse numerosas accións en materia de concienciación e sensibilización como o plan de limpeza integral e rotulación dos contedores da cidade, así como as campañas de educación ambiental para grandes produtores de residuos, "obtendo moi bos resultados as realizadas coa hostalería da cidade". Neste punto, García quixo poñer en valor, ademais, os programas de xestión integral de residuos levadas a cabo en zonas de asentamentos precarios como o Campanario e As Rañas, "que non só serviron para mellorar a concienciación da veciñanza desta zona, senón para mellorar tanto a súa calidade ambiental como de vida e impulsar unha estratexia de empoderamento destas persoas". "Dentro das campañas informativas e de sensibilización tamén hai que destacar especialmente todas as que puxemos en marcha con motivo das festas, tanto as dos barrios, como a centrada na festividade de San Xoán, para evitar que os residuos chegasen ao mar", resaltou María García, quen tamén recordou que o seu departamento puxo en marcha a distribución de Ecovasos reutilizables, que reducen a cantidade de residuos e melloran as condicions de limpeza, para empregar nas festas.

"Seguiremos adiante con accións decididas en todas estas liñas, con máis esforzos en campañas educativas de separación de residuos orgánicos e inorgánicos, ás destinadas aos grandes produtores e á hostalería, e actuacións en asentamentos precarios, como o caso da Pasaxe", relatou a concelleira. "O fundamental é seguir apostando por un modelo de xestión de residuos baseado na compostaxe e no residuo cero, abordándoo dende unha visión integral, é dicir, poñendo en marcha plans que axuden a mellorar o tratamento dende as casas atá a planta de reciclaxe", explicou.

Por outro lado, a concelleira manifestou que "ademais de todo o posto en marcha, hai un símbolo para nós moi importante de que podemos superar o ocorrido hai 20 anos". "O actual Parque de Bens é un dos grandes pulmóns verdes da cidade, que naceu, precisamente onde se derrubou o vertedoiro. Estamos a abordar, agora mesmo, un proceso participativo para a veciñanza defina os seus usos, pero o que garantimos é que este Goberno local sempre respectará os seus usos públicos, destinados ao esparcemento da veciñanza", comentou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión