6 de maio de 2016
A Xunta de Goberno local aprobou hoxe as bases que regulan a convocatoria para a concesión demanial das autorizacións para o uso desas parcelas, co obxectivo de fomentar a agricultura ecolóxica tradicional e a economía colaborativa e as relacións interxeneracionais no barrio
A Xunta de Goberno Local vén de dar este venres o visto bo ás bases que regulan a convocatoria para poñer á disposición de asociacións sen ánimo de lucro a xestión de tres hortas urbanas educativas e comunitarias no parque Carlos Casares, co obxectivo de fomentar a economía colaborativa e as relacións interxeracionais no barrio de Monte Alto, así como a agricultura ecolóxica e tradicional. A concelleira de Medio Ambiente, María García, sinalou esta mañá que a finalidade destes terreos non será económica, “senón educativa, participativa e integradora”. “As hortas favorecerán a creación de espazos de desenvolvemento comunitario e de fomento do consumo responsable e de proximidade”, sinalou a edil, xa que a iniciativa primará o carácter social e ambiental dos proxectos das entidades “nos que se promova a xestión racional dos recursos así como a sustentabilidade do mesmo”.
Neste sentido, o programa reforza a liña posta en marcha pola Concellería de fomento da biodiversidade na Coruña. “Este tipo de hortas xeran espazos de uso alternativo de zonas verdes urbanas con fins produtivos desde un punto de vista ecolóxico porque aumentan a diversidade e permiten á veciñanza achegarse á natureza dun xeito directo e cun contacto máis integral”, engadiu García, quen avanzou que, grazas ao traballo en común coa área de Rexeneración Urbana, “crearanse máis hortas noutros barrios proximamente”.
Os terreos do parque Carlos Casares están dividos en tres parcelas, cada unha de 24 metros cadrados, e a concesión das hortas terá unha duración de dous anos, que poderá ser prorrogada anualmente ata un máximo de dous anos máis. Poderán concorrer á convocatoria todas aquelas asociacións sen ánimo de lucro que teñan a súa sede no termo municipal de A Coruña e que acrediten o seu carácter social, pedagóxico, terapéutico e ambiental. As entidades adxudicatarias serán as responsables da adquisición e mantemento de todos os elementos necesarios para o cultivo da horta, na que deberán empregar técnicas de agricultura ecolóxica, e potenciarán o emprego de semenes autóctonas e especies locais nestes terreos, cuxo uso será exclusivo para o cultivo hortícola, de tubérculos, legumes e flores, así como para plantas aromáticas ou medicinais. Tamén deberán termar dos terreos en cuestións específicas como no uso de fertilizantes naturais ou na xestión da rega.
A autorización para o desenvolvemento do traballo será gratuíta e non estará suxeita a taxas, aínda que os gastos de conservación e limpeza das parcelas correrán a cargo das entidades, que se comprometerán a utilizar os terreos segundo a súa natureza e a que, unha vez finalice a autorización, os devolverán nun estado que se corresponda co que tiña no momento da entrega. Pola súa banda, o Concello da Coruña procurará facilitar asesoramento técnico especializado durante un período de tempo, así como celebrar xornadas sobre cuestións específicas relacionadas coa agricultura ecolóxica. Tamén asumirá os traballos necesarios para que as hortas sexan accesibles, así como asegurará a dotación á mesma de agua e dun valado, e asumirá a reposición destes elementos, en caso de rotura ou degracación, dacordo ás posibilidades orzamentarias do momento no que estas se produzan.
As entidades sen ánimo de lucro interesadas en concorrer á convocatoria, deberán dirixir a súa solicitude ao Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña. O prazo de presentación de propostas será de 30 días, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Entre outros requisitos, as asociacións ou colectivos solicitantes deberán entregar unha memoria explicativa do proxecto social, pedagóxico, terapéutico ou ambiental que desenvolverán na horta urbana, na que farán referencia aos obxectivos, persoas destinaraias, mmetodoloxía e planificación das actividades previstas para o desenvolvemento do horto. Tamén deberán achegar coa solicitude a declaración responsable de estar ao corrente no pago das súas obrigacións tributarias co Concello da Coruña e resto de administracións públicas.

27 de novembro de 2025

26 de novembro de 2025

16 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible