23 de outubro de 2018
O edil Daniel Díaz Grandío resalta o bo ritmo de traballo na execución do treito entre A Palloza e Matogrande nesta actuación, así como no carril bici metropolitano, que aborda estas semanas un dos puntos máis complicados do trazado, na confluencia de Alfonso Molina, Linares Rivas e Primo de Rivera
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, avanza que as obras do carril-bici entre A Palloza e Matogrande continúan a bo ritmo e rematarán esta semana os traballos na glorieta de Monelos para comezar coa seguinte fase de actuación, que afectará ao tramo situado entre esta rotonda, detrás de Novos Ministerios, e a do mercado de Elviña. O alcalde, Xulio Ferreiro, visitou os traballos xunto co responsable de Mobilidade Sostible, quen explica que a actuación comezará esta semana co balizamento deste tramo e continuará, na vindeira, a definir o carril bici ata Matogrande por medio de sinalización horizontal e tamén de balizamento. "Esta fase axudará a conectar os barrios do leste da cidade co centro e co carril bici metropolitano, facilitando á cidadanía unha comunicación útil, en rede e cun medio de transporte sostible", apunta o responsable municipal. Este novo tramo, que ten un tempo de execución de nove meses e un investimento de 304.000 euros, suporá a ampliación da rede de carril-bici da cidade en 2,11 quilómetros e transcorrerá dende a Casa do Mar ata Matogrande, pasando polas rúas Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá e Salvador de Madariaga.
O edil dá conta tamén das obras que se desenvolven, en paralelo, no carril bici metropolitano, que articulará unha conexión de mobilidade sostible dende a avenida da Mariña ata a Ponte da Pasaxe, pasando pola delegación do goberno, praza de Ourense, Praza da Palloza, Casa do Mar, parque de San Diego e Ponte Pasaxe. O titular de Mobilidade explicou que, agora mesmo, estase a traballar nun dos puntos "máis complicados do trazado, que é a confluencia de vías a diferente nivel entre Linares Rivas, Primo de Rivera e o viaduto de Alfonso Molina, e que permitirá estender a rede ata a praza da Palloza, nodo de conexión entre o carril-bici metropolitano e os que van tanto a Matogrande como á universidade". Como indica Díaz Grandío, as obras seguirán nas seguintes semanas entre a Praza de Ourense e a Praza da Palloza.
Para que a execucións dos distintos tramos de carril bici na cidade funcionen como unha rede ciclable funcional, o Goberno local ten prevista a creación dunha glorieta entre Ramón y Cajal e Pérez Ardá que, ademais de incrementar a fluidez neste cruce, que ten unha grande intensidade de tráfico, conectará os distintos tramos de carril bici que se están a acometer ou que xa están rematados, como o de Pablo Picasso e a conexión de Salgado Torres con Catro Camiños, ademais do da Rolda de Outeiro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible