2 de maio de 2016
O concelleiro Daniel Díaz Grandío lembra que as modificacións de sentido de circulación nas rúas Maestranza, Campo da Estrada e Nosa Señora do Rosario “optimizarán o espazo dispoñible e repercutirán positivamente no tránsito interno da zona” e culminan unha serie de actuacións que veñen de xerar 155 novas prazas de aparcamento
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, vén de anunciar que desde hoxe luns o Goberno local procederá a realizar as modificacións de sentidos de circulación que afectan a Cidade Vella e á contorna da rúa Maestranza. Os cambios foron comunicados á veciñanza o pasado mes de abril antes da aplicación das restricións ao tráfico na superficie do Parrote. “Tras restrinxir o tráfico na simbólica fachada da Mariña liberándoa de máis de 12.500 vehiculos que transitaban por ela a diario, comezan a estabilizarse as dinámicas de circulación na contorna”, afirmou o edil, quen lembrou que as actuacións que se acometerán desde a súa área consistirán na redución a un só sentido de circulación nunha parte da rúa Maestranza, e o cambio de sentido das rúas Nosa Señora do Rosario e Campo da Estrada. “Estas modificacións repercutirán no benestar da veciñanza da zona, xa que mellorarán a circulación interior da Cidade Vella e optimizarán os espazos dispoñibles de estacionamento”, destacou Díaz Grandío.
O responsable de Mobilidade Sostible indicou que esta actuación, que se desenvolveu desde pola mañá e será aplicada desde última hora desta tarde, responde ao interese do executivo local “de mellorar a mobilidade das veciñas e veciños” do barrio despois da apertura do túnel do Parrote, e completan as medidas desenvolvidas polo Goberno local para incrementar as prazas de estacionamento na zona despois do peche das parcelas da Maestranza pertencentes ao Ministerio de Defensa. O edil recorda, neste senso, que o Executivo coruñés procedeu á reordenación da zona de estacionamento no Oceanográfico e á conversión dun dos carrís do Paseo Marítimo -pegado á Hípica- en aparcadoiro, medidas que permitiron gañar un importante número de prazas.
A nova actuación incide tamén na creación de novas prazas de estacionamento no barrio. Dese xeito, na rúa Maestranza procederase a reducir un dos sentidos de circulación para optimizar o espazo, onde as prazas de aparcadoiro en liña reconverteranse en prazas en batería. Unha vez implantada esta nova medida, os vehículos só poderán circular por esta rúa en sentido Reitorado - Farmacia Militar. No referente á rúa Campo da Estrada levarase a cabo a modificación do cambio de sentido da mesma. Así, desde hoxe, a veciñanza que queira acceder aos seus vaos terá que facelo desde a rúa Maestranza e non desde a Avenida Metrosidero. Por último, a rúa Nosa Señora do Rosario tamén mudará o sentido de circulación e pasará a ser unha rúa de baixada e, por tanto, de entrada de tráfico rodado á Cidade Vella.
Coa última reordenación, na zona da Maestranza, así como en Campo da Estrada e Nosa Señora do Rosario, o Executivo local conseguiu en total poñer á disposición da cidadanía 155 novas prazas de aparcamento, que veñen a paliar a perda de espazo motivada pola decisión do Goberno central, actualmente en funcións.
Circulación na Mariña
O pasado venres 8 de abril o Goberno local procedeu á apertura do túnel do Parrote e as conseguintes restricións para o tráfico na superficie da Mariña, co obxectivo segundo indicou Díaz Grandío, de “recuperar para o uso peonil e favorecer outro tipo de mobilidade frente ao transporte privado” na zona. Así, pola superficie pode circular transporte público -autobuses urbanos e taxis- e os autobuses escolares e turísticos para recoller e deixar ás persoas pasaxeiras, ademais de residentes na Cidade Vella. Cómpre lembrar”, destacou o responsable municipal de Mobilidade Sostible, “que non existe restrición de circulación polo interior da zona”.
Todas e todos os veciños do barrio que queiran acceder ao mesmo e veñan do hospital Abente y Lago, poderán acceder desde a praza General Cánovas del Castillo, punto a partir do cal só poderán circular as persoas que residan no Paseo da Dársena, que poderán abandoar pola rúa Tabernas e o paseo do Parrote, en sentido Castelo de San Antón. A partir da rúa Tabernas, os e as residentes do paseo da Dársena poderán continuar ata as súas vivendas debendo efectuar a saída da zona restrinxida exclusivamente polo paseo do Parrote . Finalmente, a contorna situada entre o edificio Molina e a rúa María Barbeito só poderán circular vehículos de carga e descarga en sentido avenida Montoto- praza dos Anxos no horario establecido, de 06.00 a 11.00 horas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible