Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de novembro de 2018

A Concellería de Mobilidade Sostible inicia as obras do tramo de carril bici metropolitano entre o parque de San Diego e Ramón y Cajal

O departamento aborda tamén unha actuación na contorna praza de Ourense, que suporá o traslado, dende mañá e durante tres semanas, da parada de autobús número 5 ao inicio da avenida Linares Rivas

A Concellería de Mobilidade Sostible inicia esta semana a construción dun novo tramo do carril bici metropolitano, que conectará por Linares Rivas o treito xa executado no parque de San Diego ata o cruce na rúa Ramón y Cajal. Ao tempo, tamén se levará a cabo unha actuación na praza de Ourense para permitir o paso do carril diferenciado para bicicletas por detrás da parada do autobús alí situada (a número 5), e que será trasladada a Linares Rivas de maneira temporal.

Como explica o edil responsable de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, as obras, que darán continuidade a un carril bici bidireccional na marxe do bordo litoral, abordan, en primeiro lugar, a ampliación da beirarrúa no espazo reservado para aparcamento entre os pasos peonís anterior e posterior á rotonda no cruce da avenida do Exército coa Rolda de Outeiro. O paso segregado para bicicletas construirase no lateral do muro, contará cos dous sentidos de circulación e con pavimentos diferenciado na beirarrúa para aumentar a seguridade tanto peonil como dos e das ciclistas. "Con este trazado búscase que os e as peóns e as persoas que opten pola bicicleta só se crucen nun punto, no que a presenza peonil é mínima e, polo tanto, se incrementa a seguridade", manifesta Díaz Grandío. Tras os traballos neste punto, a prolongación do carril bici que conectará A Coruña coa súa área metropolitana a través da ponte da Pasaxe continuará ata o cruce con Ramón y Cajal co sinalización horizontal e balizamento na calzada. O prazo estimado de execución para este tramo, no que se iniciaron onte as obras, é de tres semanas.

De maneira paralela a esta obra, tal e como indica o edil, avanzan así mesmo os traballos na contorna da praza de Ourense, na que se inician as actuacións precisas para a ampliación da beirarrúa e o adiantamento da parada de autobús "que permitirá axilizar as manobras de achegamento do transporte público urbano e crear un corredor de carril bici por detrás da mesma". "Este sistema garante a seguridade dos e das ciclista, que non teñen que compartir espazo cos vehículos, e segue os criterios habituais que aplica o Concello, como xa fixo no tramo de carril bici entre a glorieta de Monelos e Matogrande", apunta.

Durante as tres semanas que durarán as obras, a parada da praza de Ourense do transporte público --pola que pasan as liñas 1, 1A, 2, 2A, 17, 21, 23 e 23A-- trasladarase dende mañá ao inicio da avenida de Linares Rivas, unha modificación temporal para a que a Compañía de Tranvías facilitará a información precisa ás persoas usuarias. O carril bici metropolitano, no que se traballa en tramos alternos, articulará unha conexión de mobilidade sostible dende a avenida da Mariña ata a Ponte da Pasaxe, pasando pola delegación do goberno, praza de Ourense, Praza da Palloza, Casa do Mar, parque de San Diego e Ponte Pasaxe.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión