9 de setembro de 2016
Silvia Cameán supervisou esta mañá as actuacións de reparacións e melloras levadas a cabo nos centros educativos públicos, e indicou que “ningunha actuación en curso impedirá o normal inicio da xornada lectiva, nin influirá na mesma”
A Concellería de Xustiza Social e Coidados, dirixida por Silvia Cameán, revisou esta mañá o estado dos centros educativos da cidade onde a Administración local acometeu obras de mellora e reparación ao longo de todo o verán, tal e como se comprometera. Así, a responsable municipal asegurou que "as obras do cambio de aseos comprometido no CEIP Raquel Camacho estarán rematadas en tempo e forma, garantindo desta forma que as clases poidan iniciarse o luns con total normalidade, e sen ningunha incidencia por este motivo entre o alumnado". De feito, de tarde, mantivo unha xuntanza con nais e pais na que lles indicou que as obras, "tal e como foi sempre o compromiso, dende antes do verán, do Concello, estarán a punto o luns". Ao fío, a responsable municipal saudou todas as obras levadas a cabo polo seu departamento durante esta tempada estival, e recordou que "as que aínda están en curso non influirán no desenvolvemento normal das clases.
"O Concello da Coruña está a levar a cabo unha inversión histórica, co obxectivo de arranxar todas as deficiencias que presentaban os centros educativos públicos da nosa cidade. Esta situación vén derivada, en gran medida, da falta de compromiso do anterior Goberno municipal como da Xunta de Galicia, que deixaron de lado os colexios públicos durante anos", opinou a concelleira Cameán. "Necesidades como cambiar cubertas, mudar aseos, caldeiras, ou poñer elevadores en colexios con alumnado con diversidade, non son actuacións que xordan dun día para outro, son consecuencia dunha política de abandono durante anos que agora nós estamos atallando", indicou. "A maioría das obras que puxemos en marcha e resolvimos nin tan sequera eran competencia municipal, xa que legalmente, correspondíalle levalas a cabo á Xunta de Galicia. Non obstante, decidimos, coma sempre, actuar pensando no interese da cidadanía, non nos réditos electorais", comentou a concelleira, quen aproveitou para pedir á Xunta "que deixe de poñer paus nas rodas á veciñanza e acelere a tramitación da documentación necesaria para iniciar as obras pendentes de cambio de cuberta tanto no María Barbeito (onde xa se levou a cabo o cambio do edificio do aulario) e no Emilia Pardo Bazán. "Son os casos máis patentes de que estamos asumindo obras que non nos competen. Non obstante, ímolo facer. O que lle pedimos, unha vez máis, á Xunta é que tramite de forma urxente os plans de desamiantado destas obras para que as concesionarias as poidan levar a cabo", dixo a edil, que indicou que "cando estas actuacións se leven a cabo, abordaranse en horarios e de forma que non supoñan ningunha molestia nin interfiran nas clases".
Ademais do cambio de cuberta do edificio do aulario no CEIP María Barbeito, destacan as obras acometidas e executadas no colexio Curros Enríquez (cambio de parte da tarima da zona dos despachos, reparación do pario de entrada e cambios de portas). Ademais, no Emilia Pardo Bazán realizouse un saneado e pintado das reixas exteriores do edificio de Primaria; no José Cornide Saavedra, a reparación de muros exteriores; no Manuel Murguía, o arranxo da zona verde de entrada no centro; no CEIP María Pita reparáronse portas e fiestras e, ademais, se levou a cabo un cambio de reixas exteriores de sumidoiros no patio de Infantil. Por outra banda, Xustiza Social acometeu tarefas de pintado no EPA Eduardo Pondal e no Ramón de la Sagra, onde tamén acometeu reparacións de portas. No San Francisco Xabier levou a cabo accións no parque infantil, así como reparacións no muro lateral e no porche, mentres que no Víctor López Seoane realizouse un pintado de xogos no solo do patio, e no CEIP Zalaeta un arranxo tanto dos alicerces do portalón como das vigas do patio exterior. Á marxe de todas estas reparacións tamén se cambiaron as caldeirasº dos CEIP Francisco Xabier e Víctor López Seoane.
Por outro lado, tamén se dá por executada a actuación prevista no Anxo da Garda que consistía na pavimentación da pista deportiva, así como a actualización das instalacións eléctricas do Eusebio da Garda. As actuacións de albanilería no CEIP Nosa Señora do Rosario tamén están rematadas, e só resta, unha vez a empresa fabricante o facilite, colocar o elevador, algo que non interrompirá o desenvolvemento das clases. A reparación do porche do José Cornide tamén está en trámite, e se espera que as obras rematen en breve, sen, de novo, causar maiores molestias aos e ás alumnas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible