22 de maio de 2025
Rotundo éxito da charla-proxección deste venres no Ágora, con todos os convites esgotados nunhas horas
A Coruña conmemora esta fin de semana o 25 aniversario da consecución do título de Liga do Real Club Deportivo cos dous actos centrais da programación de 'O mellor que me pasou na vida'. Organizada pola plataforma do mesmo nome e co apoio do Concello, esta iniciativa busca poñer en valor o fito histórico que supuxo aquel título, sen precedentes en Galicia.
Este venres 23 celebrarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora unha charla-proxección e a presentación do libro 'O mellor que me pasou na vida'. Trátase dun encontro único xunto a xogadores, directivos, traballadores do club e seareiros que compartirán en primeira persoa os recordos e emocións da tempada do título. O inicio do acto será ás 19.00 horas e todos os convites esgotáronse nunhas poucas horas. En caso de quedar butacas baleiras, permitirase o acceso por orde de chegada ata completar a capacidade do auditorio.
Durante este acto presentarase tamén o libro "O mellor que me pasou na vida", unha compilación de relatos de xogadores coma Scaloni, Djalminha, Makaay ou Fran; xornalistas coma Óscar Benito, Moncho Viña ou Nacho Carretero; ou unha entrevista a Guillermo, do grupo La Mosca Tsé-Tsé, que contan como viviron este fito histórico.
O acto central, o sábado 24 en Riazor
O acto central desta celebración terá lugar o sábado 24 a partir das 12.00 horas na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, cunha xornada deportivista na que haberá polbeira, foodtrucks, xogos tradicionais para os máis pequenos, torneo de futbolín, monólogos, material exclusivo... ademais o humor e o deportivismo xuntaranse nesta ocasión da man de Roi da Costa e o espectáculo de 'Depor Locura'. Durante a xornada o deportivismo terá a posibilidade de fotografarse coa réplica da Copa de Liga, cedida para a ocasión polo club.
O gran peche da semana contará coa actuación estelar de La Mosca Tsé-Tsé (a partir das 22.00 horas), intérpretes do himno espontáneo da celebración ligueira: "Yo te quiero dar", que volverá soar na cidade 25 anos despois. Xunto a eles, un cartel formado integramente por artistas deportivistas, orgullosos da súa pertenza á familia branquiazul: Orquesta Bravú Xangai, La Banda del Camión, Mar de Fondo, Kike Varela e la Yaya DJ.
Toda a información e o programa completo pódese consultar en www.omellorquemepasounavida.com
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible