18 de setembro de 2025
A praza das Conchiñas e o Fórum Metropolitano serán as sedes desta edición
Esta fin de semana A Coruña acollerá a edición número 14 do festival Artes pola Integración, con diversas propostas culturais na praza das Conchiñas e no Fórum Metropolitano. Este encontro de artes inclusivas pretende visibilizar proxectos e persoas con talentos artísticos non comúns, acotío excluídos socialmente. Creado en 2012, é o máis veterano de Galicia e o que leva máis edicións consecutivas.
O festival desenvolverase este ano o venres 19 e domingo 21 en dúas sedes: a praza das Conchiñas e o Fórum Metropolitano. O sábado o festival trasladarase a Santiago de Compostela. "A elección destes espazos públicos ten que ver coa intención do festival de visibilizar non só o talento de persoas con diversidade funcional ou pertencentes a outros colectivos en risco de exclusión social, senón de utilizar tamén lugares e recintos distintos dos tradicionais para a expresión artística", explicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, quen destacou a importancia do festival como "ferramenta promovida polo Goberno de Inés Rey para favorecer a integración de colectivos en risco de exclusión social a través das artes escénicas, visuais, narrativas e plásticas".
En canto á programación, o venres, ás 20.30 horas no Fórum Metropolitano a compañía Teatro de los Invisibles representará a obra Contención mecánica. Nela denúnciase a violencia psiquiátrica, poñendo o foco nunha práctica que segue sendo habitual e que a ONU catalogou como tortura en 2013: a contención mecánica, é dicir, atar persoas á cama usando correas.
O domingo a programación desenvolverase na súa totalidade na praza das Conchiñas, onde se inaugurará a exposición 'A mocidade crea'. Trátase dun proxecto realizado en colaboración coa asociación Sacra Experience dentro do seu proxecto de artes e deseño en contornas rurais, A pequena Bauhaus que, tras dous anos de talleres e formación en creación con mocidade, dá lugar a unha exposición na que se recollen catro anos de traballo. Por outra banda, das 12.00 ás 14.00 horas haberá un concurso de pezas para a comunidade para creadores/as cun mínimo de dous e un máximo de catro intérpretes de danza, música e/ou teatro. Un xurado seleccionará tres pezas que recibirán 500 euros. Para o concurso seleccionaranse un máximo de 10 pezas e tres delas serán gañadoras. Máis información e inscricións, aquí. Ás 13.30 horas o Colectivo Diversos levará a cabo un espectáculo de danza comunitaria titulado Tempo de soñar. Trátase dunha proposta de danza-teatro inclusivo que ten coma temática a violencia de xénero e as diferentes formas de abusos. As/os protagonistas falan das súas propias historias e experiencias en primeira persoa. Protagonizado por 10 persoas con e sen diversidade, dá unha visión esperanzadora sobre a posibilidade de volver crer no amor.
O festival rematará ás 18.00 horas coa obra dirixida por Alma García Seguir siendo niños. Protagonizada por nenos/as entre 10 e 14 anos, tras unha residencia de produción en Pincelo, mergúllanos no imaxinario dos/as protagonistas, nas súas preocupacións, medos e intereses e, sobre todo, na súa necesidade de seguir sendo nenos/as.

16 de novembro de 2025

16 de outubro de 2025

4 de outubro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible