Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de decembro de 2022

A Coruña acolle a final da Liga Nacional de Karate, na que toman parte 900 deportistas pertencentes a 144 clubes de todo o país

Referentes e campións mundiais desta disciplina, como María Torres e Babacar Seck, tomarán parte nas competicións que teñen lugar desde hoxe no Palacio dos Deportes de Riazor

A cidade da Coruña será, durante esta fin de semana, a capital nacional do karate. O Palacio dos Deportes acolle, desde hoxe, as competicións asociadas á final da Liga Nacional de Karate e a Liga Iberdrola, nas que tomarán parte case 900 deportistas que representan a 144 clubes de todo o país. Entre eles, 17 karatekas galegos pertencentes a oito entidades do territorio.

O campionato, presentado esta mañá no Palacio dos Deportes de Riazor, comezou este venres (15.00 horas), coas categorías infantís femininas ata a categoría sub-21. Xa este sábado 17, pola mañá, será o turno da Liga Iberdrola Senior, en categoría feminina, e, pola tarde, darán comezo as categorías infantís masculinas ata a sub-21. O peche do evento terá lugar o domingo pola mañá, coa posta en marcha das competicións na categoría senior masculina.

Grandes campións e campioas a nivel internacional, como Paola García Lozano e Mireia Bejarano, Subcampioas do Mundo en categorías cadete e junior, así como María Torres, Campioa do Mundo en kumite senior, e Babacar Seck, bronce mundial, competirán nesta cita que acolle a cidade.

Todo o campionato será retransmitido por streaming, a través da canle de YouTube da Real Federación Española de Karate, e as finais senior poderán visualizarse na canle de LaLigaSports TV, tanto o sábado como o domingo, ás 11.00 horas.

Á presentación do evento, celebrada esta mañá, asistiu a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, acompañada polo presidente da Federación Gallega de Karate, Oscar Lafuente López e polo presidente da Real Federación Española de Karate, Antonio Moreno Marqueño.

A final da Liga Nacional de Karate é a antesala da Youth League, que terá lugar na cidade da Coruña a finais de abril e na que tomarán parte máis de 3.000 deportistas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión