9 de maio de 2017
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na reunión deste órgano, do que é vogal, xunto con representantes de Lalin, Lugo, Monforte, O Barco, Braga e Matosinhos. Entre outras cuestións abordouse a necesidade de modernizar as conexións ferroviarias con Ferrol, así como culminar a liña entre A Coruña e Lisboa
A Coruña acolleu hoxe a reunión da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, entidade da que forma parte o Concello coruñés e que se centra na colaboración e promoción dos municipios da denominada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O Pazo de María Pita acolleu a reunión deste órgano, no que o alcalde, Xulio Ferreiro, ocupa o posto de vogal e no que, entre outros asuntos, se tratou a importancia de que A Coruña e Ferrol conten cunha conexión ferroviaria competitiva, que ademais sirva para conectar toda a costa galega co norte de Portugal. Ademais do propio alcalde da Coruña, á Comisión Executiva acudiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o de Lalín, Rafael Cuiña; o de Monforte, José Tomé; o alcalde do Barco, Alfredo García e o rexedor de Braga e presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio. Ademais tamén participaron o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o concelleiro de Matosinhos Joao Fernándes.
Rematada a celebración da Comisión Executiva, Ferreiro destacou que se trata "da primeira vez que a reunión executiva do Eixo se celebra na Coruña sendo eu alcalde", algo que vén a reafirmar "tanto o traballo como o compromiso da cidade co Eixo Atlántico". "Entendemos que a colaboración entre as cidades de Galicia e o Norte de Portugal é necesaria xa que deriva no impulso de proxectos moi beneficiosos para toda a eurorrexión", comentou o rexedor, que insistiu, por exemplo, na necesidade de infraestruturas como a conexión ferroviaria con Ferrol ou con Lisboa.
Na rolda de prensa que se ofreceu aos medios, Vázquez Mao destacou que durante a comisión os concellos membros destacaron a necesidade de dotar o eixo de infraestruturas adecuadas. "Durante a xuntanza falamos das conversas mantidas co Goberno e da importancia, ademais do ferrocarril entre A Coruña e Ferrol, de que se poña en funcionamento o tramo ferroviario Porto Vigo, de forma que se complete a liña entre A Coruña e Lisboa", destacou. Por outro lado, os e as integrantes da Comisión Executiva tamén abordaron o tema do final do roaming en toda Europa, programado para o 15 de xullo, unha reclamación que foi demanda historicamente polo Eixo.
Entre outros asuntos, a citada reunión tamén serviu para falar dos actos con motivo do 25 aniversario do Eixo, que terán lugar os próximos días 8 e 9 de xuño en Braga, e no que o organismo comunitario presentará o seu documento de Axenda Urbana. A Coruña acollerá ademais en novembro de 2017 o peche dos actos organizados para conmemorar este aniversario.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible