Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de xuño de 2026

A Coruña acolle esta fin de semana o Campionato de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Junior

Tamén se celebrará o nacional de Relevos Mixtos de Talentos e a última xornada da liga da Federación Española de Tríatlon

A Coruña acollerá esta fin de semana os Campionatos de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Júnior, e os nacionais de Relevos Mixtos de Talentos, última xornada da liga Talento de Tríatlon da Federación Española de Tríatlon, dedicada ás categorías cadete e xuvenil. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Nereida Canosa, presentou hoxe en María Pita a competición xunto aos organizadores e representantes das federacións galega e española.

"A Coruña é unha cidade vibrante, e cada vez máis. Nótase nas actividades culturais, nas persoas turistas que nos visitan e, por suposto, no calendario deportivo. Cando traemos eventos coma estes situámonos no panorama nacional e internacional como un lugar cheo de posibilidades, recursos e gana de novos retos. Sen esquecer o gran retorno económico que traen os campionatos de todas as disciplinas que ao longo do ano nos elixen como a súa sede", subliñou Nereida Canosa. 

As competicións, en circuítos curtos e rápidos, reunirán máis dun milleiro de triatletas, e volverán ter como centro principal a zona de baños do Parrote, onde se realizará a natación, con ciclismo no porto e contorna, compartindo escenario para a carreira a pé que levará os/as deportistas ata o Castelo de San Antón, antes de afrontar a xa emblemática meta da proba situada na praza de María Pita. Toda a información dos campionatos de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Júnior pódese consultar aquí, e a do nacional de Tríatlon por Remudas Mixtas de Talentos, con máis de cen equipos, aquí.

Eventos FETRI de Tríatlon A Coruña 2026

O sábado 20 de xuño realizarase o Campionato de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Júnior, con distancias SuperSprint e series clasificatorias en cada unha das categorías a partir das 16.00 horas, nas que se obtén o pase para as finais, que se disputarán ao longo da tarde. As finais cadetes realizaranse ás 19.00 horas, as xuvenís ás 19.30 horas, e as Júnior ás 20.00 horas. O domingo 21 de xuño, a partir das 11.30 h na categoría masculina, e das 12.15 horas na feminina, realizarase tamén o Campionato de España de Tríatlon para a categoría Júnior en distancia Sprint. Pódese consultar aquí toda a información.

O Campionato de España de Tríatlon por Relevos Mixtos de Talentos 2026, sexta e última xornada da liga Talento de Tríatlon, dedicada ás categorías cadete e xuvenil, realizarase o domingo 21 de xuño. Dúas triatletas femininas e dous masculinos de cada club iranse remudando realizando cadaquén un tríatlon de distancia SuperSprint. Pódese consultar aquí toda a información.

Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya 2026 A Coruña

O sábado 20 de xuño realizarase tamén na zona da Mariña e O Parrote unha proba do circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya 2026, con carreiras de promoción para as categorías Pre-Benxamín, Benxamín, Alevín e Infantil, con saídas a partir das 11.00 horas e distancias adaptadas á categoría, agasallo de camiseta e medalla de "finishers" para as e os mozos participantes no circuíto. Pódense consultar aquí as inscricións e toda a información.

Incidencias no tráfico

Para a realización das competicións, efectuaranse os seguintes cortes e desviacións de tráfico na cidade:

Sábado 20

Das 15.00 ás 22.00 horas corte total dos Cantóns, desde a praza de Mina ata a Autoridade Portuaria. Desvío habitual da AC-11 Alfonso Molina coa avda. do Porto. Habilitarase un carril de saída pola calzada de entrada, no lado do porto, e o viaduto.

Das 14.15 ás 22.00 horas corte parcial de Sánchez Bregua - Linares Rivas - Primo de Rivera Palloza - avda. do Exército/Ramón y Cajal, coas seguintes aclaracións: 

  • Mantense un carril de saída desde Juana de Vega ata Ramón y Cajal.

  • O tráfico de entrada á cidade, á altura do IMQ "San Rafael" desviarase pola AC-12 cara ás Xubias, avda. da Pasaxe e AC-10 (colocaranse elementos de sinalización e canalización).

  • Córtase o acceso desde a glorieta da rolda de Outeiro/avda. do Exército, no sentido de  centro da cidade. Na dirección de saída da cidade estará habilitado o carril dereito, en dirección Glorieta dos Castros (non se permite acceder ao túnel da avda. do Exército).

Sobre as 19.00 - 19.15 horas está prevista a reapertura ao tráfico da avda. da Pasaxe - avda. do  Exército - Ramón y Cajal, tras a finalización da proba ciclista que discorre por esa zona. 

Domingo 21

Das 08.00 ás 14.45 horas: corte total da zona peonil da Mariña-Cantóns. 

Desviarase todo o tráfico de saída da cidade polo túnel da Mariña-Parrote - avda. do Porto. As liñas de buses que circulan pola Mariña deberán ir pola avda. do Porto - túnel da Mariña-Parrote.

Das 08.00 ás 15.00 h, corte parcial de Sánchez Bregua - Linares Rivas - Primo de Rivera Palloza - Casa do Mar, coas seguintes aclaracións: 

  • Mantense un carril de saída da cidade desde Juana de Vega ata Ramón y Cajal.

  • Móntase o desvío habitual da AC-11 Alfonso Molina coa avda. do Porto. Habilítase un carril de saída pola calzada de entrada, no lado do porto, e o viaduto.

  • Córtase o acceso desde a glorieta da rolda de Outeiro/avda. do Exército en dirección ao centro da cidade. Permítese o tráfico en dirección de saída só a través do carril dereito que desemboca na glorieta dos Castros.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión