11 de outubro de 2016
Os concelleiros Alberto Lema e José Manuel Sande asistiron á presentación do evento, que terá lugar no Coliseum, “unha infraestrutura plenamente adaptada a competicións desta categoría”
A cidade da Coruña será esta semana a sede do Circuíto World Padel Tour do 12 ao 16 de outubro, que se disputará no Coliseum, e no que participarán máis dun cento de profesionais deste deporte. Os concelleiros de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron esta mañá na Torre de Hércules esta cita cunha disciplina deportiva "que conta cun importante número de veciñas e veciños federados na cidade", segundo indicou Lema, e que "supón unha importante oportunidade para proxectar A Coruña". "Apoiar a práctica deportiva e mostrar unha cidade viva é unha liña pola que aposta este Goberno", expuxo o responsable municipal, quen avanzou que o executivo coruñés "dará continuidade á promoción turística a través do deporte".
A fase previa desta competición, denominada ABANCA Cidade da Coruña Open, estase a desenvolver no municipio desde o pasado domingo, 9 de outubro, pero os enfrontamentos finais terán lugar a partir deste mércores, día 12, no Coliseum coruñés. O responsable da área de Turismo fixo fincapé na "adaptación óptima" do espazo municipal como sede desta liga. "O Coliseum conta cunhas instalacións deportivas claramente adaptadas para acoller eventos e competicións do máis alto nivel, como vimos nestes últimos meses", sinalou o edil, quen avanzou que a organización estima a asistencia de máis de 2.000 persoas por día no recinto.
Para máis información sobre competición, horarios, entradas e deportistas profesionais que forman parte do Circuíto, pode visitarse o web www.worldpadeltour.com
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible