25 de xuño de 2026
As inscricións na marcha son gratuítas e as persoas participantes poderán apoiar a actividade da Institución Benéfico Social Padre Rubinos achegando alimentos non perecedoiros
O Concello colabora coa Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) na organización da nova edición do Día da Bicicleta, unha marcha de carácter familiar, sostible e solidaria que terá lugar este domingo 28 na Coruña, con saída desde a praza de María Pita ás 10.30 horas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, convidou a cidadanía a sumarse a esta actividade colectiva ao aire libre, que pasará polo paseo marítimo, chegará ata a rotonda das Escravas e voltará a María Pita, aproveitando as vías ciclables habilitadas ao longo da cidade nos últimos anos, que actualmente superan os 50 quilómetros de infraestrutura.
Neste sentido, tamén está previsto configurar un segundo pelotón á altura da Torre, para xuntar a aquelas persoas inscritas que vaian a un menor ritmo na marcha,
"Imos, paso a paso, amosando que A Coruña aposta polos hábitos saudables e tamén pola mobilidade alternativa, de emisións cero", indicou Vázquez. Así o reflicten os datos do servizo municipal BiciCoruña, que desde a súa renovación hai case catro anos incrementou de forma exponencial o seu número de persoas usuarias. Desde o 2023, aumentaron un 35,7%, tamén ao abeiro da expansión aos barrios, cunha rede que pasou de 49 a 79 bases.
O edil subliñou a importancia que teñen eventos coma o Día da Bicicleta para propiciar este tipo de avances, achegando a persoas de todas as idades ao uso de vehículos alternativos e concienciando especialmente as novas xeracións sobre os beneficios de moverse en bicicleta pola paisaxe urbana, no canto do automóbil.
O espírito solidario do Día da Bicicleta
O Día da Bicicleta estará marcado tamén pola súa vocación solidaria. As inscricións na marcha son gratuítas e as persoas participantes poderán apoiar a actividade da Institución Benéfico Social Padre Rubinos achegando alimentos non perecedoiros (aceite, arroz, pasta, legumes, cacao, café soluble...).
O depósito dos alimentos poderá efectuarse na recollida de acreditacións para a marcha (venres, 26 de xuño: de 17.00 a 20.00 horas e sábado, 27 de xuño: de 10.00 a 20.00 horas, no Centro Comercial Cuatro Caminos).
Ademais, a programación polo Día da Bicicleta non rematará coa marcha, que irá seguida de multitude de actividades para todos os públicos, na praza de María Pita, onde haberá clases de zumba, deportes alternativos e inclusivos e xogos tradicionais. Tamén haberá sorteos e agasallos.
Outra das novidades que incorpora a presente edición é a celebración dun percorrido guiado limitado a 25 participantes que se celebrará o sábado 27 a partir das 19.00 horas e no que o guía turístico Suso Martínez liderará un roteiro polo circuíto, explicando retrincos de historia dalgúns puntos significativos do traxecto previsto para o día seguinte.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible