Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de maio de 2016

A Coruña acolle este sábado 28 o XXX Gran Premio de Marcha Cantóns, unha proba "ambiciosa" na que participarán a plusmarquista mundial Liu Hong e o campión olímpico Jared Tallent

O concelleiro de Deporte, José Manuel Sande, salientou a “consistencia” dunha proba “esencial e compatible con outras máis vinculadas á dimensión lúdica e popular” do atletismo

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación da Gran Premio de Marcha Cantóns de A Coruña, que se celebrará na tarde de mañá, sábado 28, no centro da cidade. A proba, que acadará a súa a trixésima edición, contará coa presenza da atleta chinesa Liu Hong, quen bateu o récord do mundo na pasada edición da competición (1h 24' 28") e obtivo o bronce nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, o australiano Jared Tallent, o vixente campión olímpico dos 50 quilómetros marcha, e o actual campión de Europa e do Mundo nos 20 km., Miguel Ángel López. O responsable municipal salientou a "calidade, solvencia e consistencia" dunha proba "ambiciosa e de gran tradición" que conta co apoio do Goberno local, "pola que pasaron grandes mulleres e homes atletas de renome internacional" e que este ano rende homenaxe a Sergio Vázquez, o impulsor da primeira edición. "Este Gran Premio é un feito esencial para A Coruña, e constitúe unha grande oportunidade para o atletismo tanto a nivel profesional como popular", indicou, "xa que é perfectamente compatible coa realización de probas máis lúdicas ou vinculadas á base, tamén necesarias, que engrandecen a imaxe deportiva da cidade", concluíu o concelleiro.

Na presentación tamén estiveron presentes o homenaxeado Sergio Vázquez, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o director de organizacións da Real Federación Española de Atletismo, Luis Saladie, e os ex atletas Sandro Damilano -actual entrenador da selección chinesa- e o seu irmán, Maurizio Damilano, gañador da primeira edición do GP Cantóns e quen sinalou o circuíto coruñés como "un dos mellores do mundo" no que participan "os atletas máis destacados". Nesta edición, ademais de Hong -gañadora no ano 2014 e 2015-, Tallent e López - quen competirá en Río 2016-, a proba contará coa participación de Athanasia Tsoumeleka, campioa olímpica en Atenas 2004, Alex Schwaxer, campión olímpico nos 50 km. en Pekín 2004, ou Zhen Wang, bronce en Londres 2012 e gañador da edición do ano pasado.

A competición desenvolverase arredor dun circuíto de 1.000 metros entre a Avenida da Mariña, o Cantón Pequeno e o Cantón Grande. A proba de 20 quilómetros comezará ás 18.30 horas para as participantes da categoría feminina, e ás 18.50 horas para os atletas da masculina, pero a actividade deportiva iniciarase desde primeira hora da tarde na zona, xa que desde as 16.45 horas terán lugar as distintas probas - en función das modalidades- do Trofeo Josefina Romero e Campionato de España de veteranos.
 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión