4 de agosto de 2016
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, destacou o arraigo desta competición “que nos recorda a forte tradición mariñeira desta cidade, así como a importancia de manter en perfectas condicións as nosas augas, que son tamén zona de ocio e deporte”.
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá o Trofeo Teresa Herrera de Traíñas que terá lugar esta fin de semana. O evento cumpre a súa XXXI edición en categoría masculina e ten, como principal novidade desta edición, o feito de que, por vez primeira, se levará a cabo unha competición feminina. O edil salientou este feito, e recordou que unha semana despois terá lugar o Trofeo Teresa Herrera de Fútbol, que tamén este ano contará con categoría feminina, na que participará o novo equipo do Deportivo da Coruña.
Organizado pola Federación Galega de Remo en colaboración co Concello da Coruña e a Deputación Provincial, o concelleiro destacou que se trata "dunha competición de gran arraigo e tradición na Coruña, que nos recorda os valores dunha cidade mariñeira e o compromiso deste Goberno local con facer do noso mar un lugar real de ocio e de deporte, que por tanto debe ser especialmente coidado". Sande recordou que as traíñas foron as embarcacións tradicionais de pesca na Coruña. "O Trofeo Teresa Herrera, nado en 1986, é a continuidade do espíritu deportivo coruñés", dixo.
Na rolda de prensa, Sande estivo acompañado do presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas Galán, que comentou que a competición terá lugar na ensenada da Praia do Orzán durante os días 6 e 7 de agosto. O sábado, a cita comezará ás 17.30 horas cunha regata clasificatoria en dúas tandas que servirá para clasificarse para a regata final do domingo (competindo os 10 mellores tempos de ambas as dúas tandas, divididas segundo os equipos participen en Liga A ou B). Seijas destacou que este ano, ademais da novidade do trofeo feminino, "tamén se conseguíu un récord de participación na competición masculina, con 21 traíñas".
As competicións da xornada do domingo comenzarán ás 11.30 horas da mañá no mesmo escenario co I Trofeo de Mulleres, no que este ano participan os equipos de Cabo de Cruz, Chapela e o Club Remo Ferrol. Posteriormente, en torno ás 12.00 horas da mañá, terá lugar a Regata Final masculina. Nesta edición do XXXI Trofeo Teresa Herrera de Traíñas disputarase a bandeira entre as 10 tripulacións participantes na regata clasificatoria do sábado que consigan pasar á regata final do domingo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible