29 de agosto de 2017
A Concellería de Emprego e Economía Social impulsa a segunda edición deste programa de fomento do consumo nos barrios que conta, ademais de con venta de produtos, con xogos infantís, pasarrúas e espectáculos. O primeiro terá lugar o sábado 2 e domingo 3, no Parque de Eirís
A Coruña acollerá dende o vindeiro sábado, 2 de setembro, e e até o 21 de outubro, seis mercadillos urbanos impulsados pola Concellería de Emprego e Economía Social en colaboración coas asociacións de comercio de barrio da cidade ideados, precisamente, como forma de dinamización. O titular desta área de goberno, Alberto Lema, destacou que se trata da segunda edición deste programa, que o pasado ano acadou gran éxito. "Unha das liñas estratéxicas da Concellería de Emprego pasa pola dinamización e o comercio de barrio, algo que está presente non só neste tipo de actividades senón nas intervencións que estamos a levar a cabo da man doutras áreas como Rexeneración Urbana", indicou Lema, quen recordou, ao fío, o proxecto de mellora e remodelación do mercado e a praza de Monte Alto. "Buscamos atraer á cidadanía ao comercio de proximidade, que é máis sostible e presenta unha altísima calidade", salientou o edil, que manifestou que, con este obxectivo, os mercadillos contarán ademais de coa exposición de produtos con animación, música en directo, xogos, pasarrúas e outras actividades infantís. O responsable municipal, á vez, quixo destacar o traballo en colaboración coas asociacións de comercio de proximidade da cidade.
O primeiro dos mercadillos urbanos celebrarase esta fin de semana no Parque de Eirís, estando programado o seguinte na rúa Ángel Senra, nos Mallos, os días 16 e 17 de setembro. A praza María Casares, de Elviña, celebrará o seu mercadillo os sábado 23 e o domingo 24, mentres que a praza de Tabacalera fará o propio entre o 30 de setembro e o 1 de outubro. O quinto mercadillo será no Campo da Leña (Monte Alto) a fin de semana do 7 e 8 de outubro, mentres que a praza das Conchiñas pechará o programa, neste caso, o venres 20 e o sábado 21 de outubro. Os horarios de apertura ao público dos postos e actividades desenvolveranse entre as 12.00 e as 20.00 horas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible