Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de agosto de 2017

A Coruña acollerá unha mostra sobre a vida e a obra de Fernando Rey, “para acabar coa débeda que a cidade tiña co recoñecemento dun veciño referente do cinema internacional”

O Kiosco Alfonso contará, entre o 20 de setembro e o 19 de novembro, coa exposición gratuíta ‘Fernando Rey. Cabaleiro do cinema’. Á vez, e en colaboración con esta iniciativa do Concello da Coruña, o CGAI revisará os títulos máis destacados do actor nun ciclo especial

A Coruña acollerá este outono unha mostra sobre a vida e a obra de Fernando Rey, actor internacional e veciño da Coruña. A iniciativa que parte do Concello e, en concreto, da área de Culturas, Deporte e Coñecemento, busca "acabar coa débeda histórica que esta cidade sempre tivo para co recoñecemento dun veciño que foi referente do cinema internacional". Así o indica o titular da concellería, José Manuel Sande, que explica que o Kiosco Alfonso contará dende o 20 de setembro até o 19 de novembro cunha exposición titulada Fernando Rey. Cabaleiro do cinema (1917-2017) baseada "en fotografías, documentos, premios e recordos que el mesmo foi conservando ao longo da súa vida". A mostra, que analiza as diversas etapas vitais e artísticas do actor a través da súa filmografía, tamén fai fincapé na súa nenez herculina. De xeito paralelo, e en colaboración con esta iniciativa municipal, o Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia (CGAI) levará a cabo un extenso ciclo coas películas máis destacadas do actor, como Viridiana, Tristana, Campanadas a medianoche ou The French Connection entre outros títulos.

"Fernando Rey, nado na Coruña no seo dunha familia republicana, foi recoñecido a nivel internacional, cualificado por Orson Welles como un dos mellores actores de Europa. Non obstante, a realidade é que na Coruña nunca se tivo especialmente presente o feito de que era un veciño desta cidade que, segundo as súas declaracións en vida, tiña recordos de nenez do Campo da Leña ou os Xardíns de Méndez Núñez", comenta Sande. "É certo que hai xa moitos anos, Rey foi pregoeiro das festas de María Pita así como xurado nalgún dos festivais de cine históricos da cidade. Non obstante, cremos que era obrigado realizar esta homenaxe de difusión cultural e de recoñecemento a unha carreira exemplar que se puido levar a cabo, en gran medida, grazas ás achegas da súa propia familia, que facilitaron o acceso ao seu arquivo fotográfico persoal", destaca.

A mostra sobre Fernando Rey está comisionada polo catedrático de Comunicación Audiovisual José Luis Castro de Paz e o xornalista Rubén Ventureira, e conta co deseño e a produción do arquitecto Alfredo Sellier.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión