15 de xaneiro de 2026
O pleno do Concello aprobou inicialmente o texto da nova ordenanza do SAF, que busca garantir máis seguridade xurídica, equidade no acceso e coherencia co marco legal actual
A Coruña avanza na adaptación da normativa municipal que regula o servizo de axuda no fogar (SAF), que tras máis dunha década sen actualizarse pasará a contar cun marco de xestión máis moderno, claro e acorde á lexislación vixente. Así o expuxo esta mañá a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, no pleno ordinario do Concello.
A renovación do SAF foi un dos puntos máis destacados na orde do día da sesión plenaria, atendendo ao feito de que a ordenanza actual mantívose practicamente inalterada desde o ano 2010, "desfasada tras moitos cambios lexislativos en Galicia e no Estado".
Agora, o Goberno de Inés Rey está a dar os pasos necesarios para actualizala, adecuándoa ás variacións experimentadas no sistema de dependencia. A actualización proposta polo Executivo local busca garantir máis seguridade xurídica, equidade no acceso e coherencia co marco legal actual. Ademais, tal e como explicou Canosa, o texto da nova ordenanza clarifica as modalidades do servizo (dependencia, libre concorrencia e urxencia), os procedementos de acceso, as prioridades e a intensidade da atención, facendo o funcionamento do SAF máis transparente para coas persoas usuarias e as súas familias.
Outro dos eixos que sustenta o novo marco regulador municipal é a mellora da calidade, xa que se incorporan criterios técnicos actualizados que permiten unha atención domiciliaria máis eficaz e adaptada ás necesidades reais da poboación. A maiores, actualízase o sistema de cálculo da capacidade económica e do copagamento conforme á normativa autonómica da Xunta.
Na súa intervención no pleno, Nereida Canosa amosou o seu agradecemento ao persoal da concellaría, con especial fincapé á área de Dependencia, polo traballo desenvolvido á hora de artellar e adaptar o texto da nova ordenanza reguladora do SAF, "un paso moi importante para reforzar e actualizar o servizo, dar unha prestación da maior calidade, máis xusta e adaptada áas necesidades da veciñanza". "Avanzamos na tramitación dun marco normativo renovado, que sen dúbida redundará no benestar das persoas maiores, en situación de vulnerabilidade ou en situación de dependencia no noso concello", concluíu a edil.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible