13 de maio de 2025
A explanada de Riazor acollerá o sábado 24 de maio unha xornada con numerosas actividades, incluída a actuación de La Mosca Tsé-Tsé
A Coruña conmemorará o 25 aniversario da consecución do título de Liga do Real Club Deportivo con diversos actos que se celebrarán en distintos espazos da cidade do 19 ao 31 de maio.
Para celebrar esta data inesquecible, diferentes colectivos deportivistas, co apoio do Concello da Coruña, impulsan unha semana chea de actos baixo o lema 'O mellor que me pasou na vida'. Do 19 ao 24 de maio, A Coruña volverá converterse no epicentro da emoción futbolística cun programa que mestura música, memoria, cultura e paixón polo Dépor.
"Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por rememorar un dos grandes fitos da historia da Coruña da man das peñas e das persoas que o viviron naquel maio do ano 2000, achegando tamén ás novas xeracións os recordos dunha xesta que nos puxo no mapa do fútbol mundial", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. O programa desta celebración comezará o día 19, xusto cando se cumplen 25 anos daquel partido fronte ao Espanyol no estadio municipal de Riazor.
Ese día instalarase unha exposición fotográfica no Obelisco, que permanecerá aberta á cidadanía ata o 31 de maio. Constará de imaxes de arquivo dos fotógrafos Mero Barral e Jesús Sancho cos momentos máis simbólicos da conquista da Liga.
Por outra banda, o venres 23 celebrarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora unha charla-proxección e a presentación do libro 'O mellor que me pasou na vida'. Trátase dun encontro único xunto a xogadores, directivos, traballadores do club e seareiros que compartirán en primeira persoa os recordos e emocións da tempada do título. O inicio do acto será ás 19.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade.
Durante este acto presentarase tamén o libro "O mellor que me pasou na vida", unha compilación de relatos de xogadores coma Scaloni, Djalminha, Makaay ou Fran; xornalistas coma Óscar Benito, Moncho Viña ou Nacho Carretero; ou unha entrevista a Guillermo, do grupo La Mosca Tsé-Tsé, que contan como viviron este fito histórico.
O acto central, o sábado 24 en Riazor
O acto central desta celebración terá lugar o sábado 24 a partir das 12.00 horas na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, cunha xornada deportivista na que haberá polbeira, foodtrucks, xogos tradicionais para os máis pequenos, torneo de futbolín, monólogos, material exclusivo... ademais o humor e o deportivismo xuntaranse nesta ocasión da man de Roi da Costa e o espectáculo de 'Depor Locura'. Durante a xornada o deportivismo terá a posibilidade de fotografarse coa réplica da Copa de Liga, cedida para a ocasión polo club.
O gran peche da semana contará coa actuación estelar de La Mosca Tsé-Tsé (a partir das 22.00 horas), intérpretes do himno espontáneo da celebración ligueira: "Yo te quiero dar", que volverá soar na cidade 25 anos despois. Xunto a eles, un cartel formado integramente por artistas deportivistas, orgullosos da súa pertenza á familia branquiazul: Orquesta Bravú Xangai, La Banda del Camión, Mar de Fondo, Kike Varela e la Yaya DJ.
Toda a información e o programa completo pódese consultar en www.omellorquemepasounavida.com
21 de maio de 2025
19 de maio de 2025
23 de abril de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible