Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de xuño de 2026

Inés Rey destacou que todos os grandes proxectos pendentes da cidade están “resoltos, en marcha ou encamiñados”

A Coruña consolídase como unha “cidade de primeira” e encara a maior transformación urbana da súa historia recente

O acto de balance de mandato reuniu a representantes da sociedade coruñesa para poñer en valor os avances acadados nos últimos anos

A Coruña reuniu este mércores a máis dun cento de representantes dos ámbitos económico, social, cultural, deportivo, educativo, empresarial e veciñal da cidade no acto "A Coruña é de primeira", un encontro sobre os principais avances acadados nos últimos anos e compartiu a súa visión sobre os retos de futuro da cidade.

O acto, conducido pola xornalista Isabel Bravo, estruturouse arredor dun percorrido por diferentes momentos dun día na Coruña a través das experiencias e testemuñas de persoas representativas de distintos sectores da cidade. No primeiro bloque, "A cidade que esperta", participaron Pablo Maceira, director de Planning & Mobility en EPTISA; Marcos Sendón, responsable do posto Marc del Norte no renovado Mercado de Monte Alto; e Carlos Martínez, membro da directiva da Asociación Veciñal de Xuxán. As súas intervencións permitiron abordar cuestións ligadas á mobilidade, ao comercio de proximidade e ao crecemento dos novos barrios da cidade.

A segunda parte do encontro, baixo o título "A cidade que nos une", contou coa participación de Elena Fernández, usuaria e voluntaria do Centro Cívico de Monte Alto; José Luis Fernández, integrante da iniciativa Empujando Sonrisas; e Jacobo Copa, xogador do HC Liceo, que puxeron en valor o papel dos equipamentos públicos, da inclusión e do deporte como elementos de cohesión social. No bloque final, "A cidade que brilla", interviñeron Luis Diz, presidente de Galicia de Noite; a investigadora e xestora cultural Belén Cillero; e a actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, quen reflexionaron sobre o papel da cultura, o lecer, a creatividade e a innovación na proxección exterior da cidade.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de abrir e pechar o acto, cunha intervención final na que realizou un balance dos principais proxectos impulsados durante o mandato e reivindicou a capacidade da cidade para afrontar unha nova etapa de crecemento e transformación.

Balance de xestión: crecemento da cidade, proxectos desbloqueados, aposta pola vivenda, transformación urbana e investimentos nos barrios

Rey reivindicou os avances acadados durante os últimos anos e debuxou as grandes liñas de futuro para a cidade. "A Coruña é unha cidade de primeira pola súa historia, polo seu dinamismo económico, pola súa capacidade cultural, pola súa vocación atlántica, pola forza dos seus barrios, pola súa universidade, polas súas empresas e, sobre todo, pola súa xente", afirmou.

A rexedora destacou que a cidade conseguiu superar unha etapa marcada polos bloqueos e a falta de avances en cuestións estratéxicas. "Fomos quen de desbloquear proxectos e actuacións que durante demasiado tempo parecían condenados á parálise. E iso permitiunos dar un paso decisivo: deixar de falar do que estaba pendente para empezar a falar do que queremos ser", sinalou. Neste sentido, lembrou os avances na estación intermodal, a transformación de Alfonso Molina, o novo CHUAC, a recuperación de equipamentos públicos, a renovación dos mercados municipais e a posta en marcha do primeiro Plan de Barrios da historia da cidade.

Crecemento da cidade, emprego e vivenda

Inés Rey incidiu nos datos de crecemento demográfico e económico da Coruña, que supera xa os 254.000 habitantes. Desde 2019 a cidade gañou máis de 9.000 veciños e veciñas, dos que máis de 6.500 se incorporaron durante o actual mandato.

Neste sentido, avanzou novas medidas para reforzar a proximidade da administración municipal coa cidadanía. Anunciou que este mesmo mes de xullo abrirá en Novo Mesoiro a primeira das novas Oficinas de Atención Cidadá, unha iniciativa que o Concello prevé estender progresivamente aos barrios da cidade para achegar os servizos municipais á veciñanza e facilitar a realización de trámites sen necesidade de desprazarse ao centro. 

A alcaldesa destacou tamén a captación de máis de oito millóns de euros para programas de emprego e formación, que permitiron a máis de 1.600 persoas acceder a un posto de traballo. "A Coruña é unha cidade dinámica, aberta e atractiva. Acontece porque xera oportunidades", afirmou.

No ámbito da vivenda, lembrou a incorporación de preto de 3.000 novas vivendas ao parque residencial da cidade, unha das maiores cifras da última década, das que máis de 800 son protexidas. Ademais, destacou que A Coruña foi a primeira cidade galega en obter a declaración de zona de mercado residencial tensionado e unha das primeiras en regular as vivendas de uso turístico para protexer o uso residencial dos barrios.

Durante a súa intervención, a alcaldesa reivindicou o papel da Coruña como motor económico de Galicia. "Non aspiramos simplemente a acompañar o progreso de Galicia. Aspiramos a lideralo", afirmou. Neste sentido, destacou o investimento previsto de máis de 125 millóns de euros no primeiro Plan de Barrios da cidade, a modernización dos mercados municipais e a ampliación e renovación da rede de centros cívicos.

Transformación da mobilidade

Tamén puxo en valor as actuacións en mobilidade, cun servizo de BiciCoruña que pasou de 514 a 856 bicicletas e de 49 a 79 estacións, acadando máis de 1,7 millóns de usos anuais. Ademais, salientou a captación de fondos europeos para actuacións de transformación urbana e a recuperación do liderado institucional da cidade nos principais foros municipais de España e Europa. 

No ámbito cultural e deportivo, lembrou que os Museos Científicos Coruñeses recibiron preto de medio millón de visitantes, que o Coliseum superou os 200.000 asistentes nun ano e que só durante este mandato se rexistraron máis de 88.000 inscricións nas carreiras populares e probas deportivas municipais.

Coruña Marítima, o gran proxecto de futuro

A parte final do discurso centrouse nos retos da próxima década, con especial protagonismo para a Área Metropolitana e para Coruña Marítima. A alcaldesa definiu este proxecto como a maior oportunidade de transformación urbana da historia recente da cidade, cun ámbito dun millón de metros cadrados chamado a redefinir a relación da Coruña co mar e a abrir unha nova etapa de desenvolvemento urbano, económico e social: "Estamos deseñando a cidade das próximas décadas. E cando falamos diso hai un proxecto que simboliza todos os demais: Coruña Marítima", destacou.

Segundo explicou, este espazo, que durante xeracións funcionou como unha fronteira física entre a cidade e o porto, está chamado a converterse nun lugar para vivir, innovar, crear riqueza e abrir definitivamente A Coruña ao mar. Rey enmarcou esta actuación no proceso de transformación que debe permitir culminar "a segunda gran modernización da cidade", unha Coruña máis verde, sostible, innovadora e competitiva, preparada para atraer talento, xerar oportunidades e reforzar o seu papel como motor económico de Galicia.

A alcaldesa vinculou tamén este proxecto á ambición de seguir medrando como cidade e consolidar unha área urbana cada vez máis dinámica e conectada. "As grandes cidades teñen momentos que marcan unha xeración. Coruña Marítima é ese momento para nós", afirmou, reivindicando a capacidade da cidade para liderar os grandes cambios que definirán o seu futuro.

Orgullo de cidade e identidade compartida

Na parte final da súa intervención, a alcaldesa reivindicou tamén o papel histórico da Coruña na construción da identidade galega e apelou ao orgullo de pertenza como un dos activos da cidade para afrontar os retos do futuro.

"A Coruña era branquiazul antes de que o fose Galicia", sinalou Rey, quen lembrou a contribución histórica da cidade ao nacemento dun dos símbolos máis recoñecibles do país. Neste sentido, defendeu a importancia de seguir "facendo bandeira da Coruña", poñendo en valor a súa historia, a súa identidade e o seu carácter aberto e inconformista.

A rexedora concluíu o seu discurso reivindicando o orgullo compartido de pertencer a unha cidade "que sempre soubo liderar e abrir camiño" e que afronta a súa próxima etapa de transformación "con ambición, confianza e identidade propia".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión