Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de setembro de 2026

As alcaldesas reclaman tamén á Xunta que desenvolva a parte autonómica da Lei de Vivenda para que sexa efectiva e para que os seus efectos cheguen ás persoas con máis dificultades para aboar un alugueiro

A Coruña e Santiago crearán un grupo de traballo sobre vivenda e reclaman á Xunta que transfira ás dúas cidades os 5,1 millóns vinculados ás zonas tensionadas

Inés Rey e Goretti Sanmartín mantiveron unha reunión de traballo para poñer en común a experiencia das dúas cidades galegas declaradas como Zonas de Mercado Residencial Tensionado

As alcaldesas da Coruña, Inés Rey, e de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, mantiveron este venres unha reunión de traballo para compartir a experiencia das dúas cidades galegas declaradas como Zonas de Mercado Residencial Tensionado (ZMRT) e establecer liñas comúns de actuación en materia de vivenda.

Un dos principais asuntos abordados foi o destino dos 5,1 millóns de euros que o Estado transferirá á Xunta de Galicia vinculados á declaración da Coruña e Santiago como zonas tensionadas. As dúas alcaldesas acordaron reclamar ao Goberno galego a transferencia destes recursos aos dous concellos para contribuír á execución dos plans de medidas que acompañan as respectivas declaracións.

"Somos os concellos os que solicitamos a declaración, elaboramos toda a documentación e os plans de medidas e asumimos boa parte da súa execución e posterior avaliación. Esiximos que uns recursos que se xeran precisamente porque A Coruña e Santiago somos zonas tensionadas cheguen ás dúas cidades", sinalou Rey.

Neste sentido, ambas as rexedoras acordaron tamén pedir ao Ministerio de Vivenda que garanta que os fondos cheguen á Coruña e Santiago e que se empreguen nos proxectos definidos polos propios concellos nos seus plans de medidas. Goretti Sanmartín volveu lembrar que "foron os concellos de Santiago e da Coruña os que dedicamos moito tempo e moito esforzo a estes plans de medidas, para facelos de maneira participada con representantes da veciñanza nas mesas sectoriais e para chegar a acordos que, e a pesar de todos os paos nas rodas que puxo a Xunta, chegaron a ser unha realidade". 

Ademais, as dúas rexedoras acordaron tamén constituír un grupo de traballo específico para vivenda, que avaliará a evolución das zonas tensionadas mais tamén outras temáticas como o das vivendas de uso turístico. Nesa cooperación entre concellos, as partes acordaron tamén que os respectivos edís de Urbanismo participen nas convocatorias das Mesas de Vivenda que faga cada un dos concellos. 

Máis mecanismos de control autonómicos 

Rey e Sanmartín coincidiron tamén na necesidade de reclamar á Xunta máis transparencia e información sobre o mercado do alugueiro. Os datos publicados actualmente corresponden aos novos contratos, pero non permiten coñecer con detalle a evolución das prórrogas, as extincións ou outras modalidades de alugueiro, información necesaria para avaliar de forma completa a evolución das zonas tensionadas.

"Se somos os concellos os que temos que executar os plans e avaliar os seus resultados, necesitamos contar con todos os datos para poder facelo con rigor", apuntou a alcaldesa da Coruña.

"Foi moi difícil levantar a declaración como zona de mercado residencial tensionado pero é facilísimo deixala caer. Se a Xunta non se implica e se pon de costas, e se non fai cumprir a normativa, logo poderá falar de fracaso pero é un intento previo de facela caer", asegurou Goretti Sanmartín 

As dúas alcaldesas fixeron especial fincapé na necesidade de que a Xunta desenvolva o tramo autonómico da Lei de Vivenda para que esta se poida aplicar en toda a súa extensión e acade o máximo beneficio para os cidadáns: "A vivenda é un tema absolutamente prioritario e un grave problema para moitísimas persoas, a Xunta ten que contribuír a que a Lei sexa efectiva e a solventar eses problemas para milleiros de cidadáns que non poden asumir as constantes subas dos prezos, non facelo é permitir que a especulación teña prioridade sobre un dereito constitucional", indicou Rey.

Plans de medidas para actuar sobre a vivenda

Durante a reunión, as alcaldesas puxeron en común as medidas que están desenvolvendo ambas as cidades. A declaración dunha ZMRT require acreditar a existencia dun mercado tensionado, elaborar un diagnóstico e presentar un plan de medidas correctoras que posteriormente debe executarse e avaliarse.

"Ser zona tensionada non é poñerlle unha etiqueta a unha cidade. Hai un diagnóstico, un plan de medidas e un traballo que os concellos temos que executar. A zona tensionada é unha ferramenta máis dentro dunha política de vivenda moito máis ampla", explicou Rey.

Neste sentido, A Coruña e Santiago comparten liñas de actuación como a promoción de vivenda pública, a rehabilitación, a mobilización de solo e a regulación das vivendas de uso turístico para protexer o uso residencial.

No caso da Coruña, o Concello concedeu 3,5 millóns de euros para rehabilitar 240 vivendas en sete edificios, está reforzando EMVSA para a xestión do parque municipal de arredor de 500 vivendas públicas e ten en construción 50 novas vivendas municipais en Xuxán. Ademais, cedeu gratuitamente á Xunta parcelas municipais nos Rosales, Pedro Fernández e Porticada para a construción doutras 99 vivendas públicas.

"A política de vivenda non consiste unicamente en construír. Temos que construír máis vivenda pública, pero tamén rehabilitar a que xa existe, mobilizar solo e protexer o uso residencial das vivendas", destacou Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión