13 de xullo de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, participou na lectura do manifesto polo Día Internacional do Sarcoma xunto á asociación ASARGA
O Concello da Coruña e a Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial (ASARGA) conmemoraron este luns o Día Internacional do Sarcoma coa instalación dun novo banco amarelo no paseo de San Andrés, xunto á Igrexa Castrense. A alcaldesa, Inés Rey, presentou a acción promovida entre o Concello e a entidade no acto de lectura do manifesto, xunto coa presidenta de ASARGA, María Teresa Deus Trasobares.
Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou a importancia de dar visibilidade ás enfermidades pouco frecuentes e ao labor das entidades que acompañan ás persoas afectadas. "As enfermidades pouco frecuentes non poden ser enfermidades invisibles. Porque cando falta visibilidade tamén poden faltar diagnóstico, recursos, investigación ou apoio. E iso é algo que como sociedade non podemos permitir", afirmou.
Rey lembrou que o novo banco amarelo dá continuidade ao proxecto iniciado hai uns meses coa instalación do banco morado dedicado á fibromialxia e que busca converter este espazo nun símbolo de recoñecemento ao tecido asociativo coruñés. "Hoxe A Coruña incorpora a este paseo un novo símbolo da man de ASARGA: este banco amarelo, a cor que representa a loita contra o sarcoma. Hai uns meses instalabamos un banco morado con motivo do Día da Fibromialxia. Hoxe sumamos unha nova cor, e queremos seguir sumando moitas máis", sinalou.
A alcaldesa puxo en valor tamén o traballo que realizan as entidades sociais da cidade e reafirmou o compromiso municipal con elas. "Desde o Concello da Coruña queremos seguir sendo unha administración próxima, que escoita, que acompaña e que contribúe a dar visibilidade ás causas que o necesitan", indicou.
A presidenta de ASARGA, María Teresa Deus, foi a encargada de dar lectura ao manifesto do Día Internacional do Sarcoma, no que se reivindica unha maior visibilidade para esta enfermidade, o acceso equitativo a unha atención sanitaria especializada, o impulso á investigación e a mellora do diagnóstico precoz e dos tratamentos. Así mesmo, fai un chamamento á colaboración entre administracións, profesionais sanitarios e asociacións para avanzar cara a unha atención máis coordinada e de maior calidade.
No acto tamén participaron a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa;a responsable de Atención ao Paciente e Usuario da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Lourdes Silvoso Fuentes; persoas socias da entidade, colaboradores e colaboradoras, así como representantes doutras asociacións da cidade, entre eles Javier Álvarez Barbeito, presidente da Asociación Española Contra o Cancro da Coruña, e Mila Oreiro, directora da Asociación Párkinson Galicia-Coruña.
O banco amarelo pasa desde hoxe a formar parte do Paseo das Entidades, unha iniciativa do Goberno de Inés para transformar o espazo público nun lugar de recoñecemento ás asociacións que traballan polo benestar social e que contribúe a visibilizar realidades que, pola súa baixa incidencia ou menor presenza social, adoitan quedar fóra do foco.

28 de xullo de 2026

22 de xullo de 2026

15 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible