10 de novembro de 2023
O Teatro Colón acolleu hoxe a estrea do filme, que conta co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo
O Teatro Colón foi o lugar elixido para estrear hoxe a curtametraxe 'Balle Voyage', unha produción dirixida pola coruñesa Iria Ares centrada nunha historia digna do cineasta Alfred Hitchcock e na que se aprecian a paixón e maneira de facer cinema do director.
O evento contou coa presenza da concelleira de Turismo, Comercio e Hostalaría Diana Sobral e a responsable da área de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego.
Antes da proxección o público tamén puido asistir a un interesante coloquio con Iria Ares e o actor e produtor Xoán Carlos Mejuto.
A curtametraxe conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos; a Deputación da Coruña e Galicia Calidade.
A Coruña, unha cidade de cinema
Non é a primeira vez que a cidade da Coruña é protagonista dunha película ou serie. Títulos como Finisterre, onde termina o mundo (1999), O Lapis do carpinteiro (2003), Mar dentro (2004), Invasor (2012), O descoñecido (2015), Operación marea negra (2022), Fatum (2023), ou Clans (que se estreará no 2024) son só algúns exemplos que demostran que A Coruña ten espazos e localizacións cunha esencia perfecta para gravar nos mesmos.
Con todo, a produtora Estudo Momento, da man de Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, decidiu ir máis alá para outorgar un papel principal a un dos elementos turísticos máis característicos da cidade e do Monte de San Pedro: o seu ascensor con forma de esfera. De feito, neste lugar é onde acontece toda a acción de 'Balle Voyage'.
Premios
A curtametraxe recibiu un novo nomeamento no County Independent Filme Festival (Maryland, Estados Unidos) e hoxe, durante a súa estrea, presentouse ante as autoridades o Premio Roel Mellor BSO obtido no Festival de Cinema de Medina del Campo. Para esta acción contouse con membros e música da Orquestra Sinfónica de Galicia por ser intérprete da BSO, composta polo músico Manu Riveiro.

13 de marzo de 2026

12 de marzo de 2026

25 de febreiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible