7 de marzo de 2018
O evento, no que participa a xerenta de Turismo, Lanzada Calatayud, reúne a máis de 700 expositores procedentes de 113 países e espera recibir a máis de 11.000 participantes
A Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos que preside o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, está presente esta semana na Seatrade Cruise Global, a feira de cruceiros máis importante a nivel internacional que se está a celebrar desde o pasado día 5 e ata o próximo 8 de marzo na cidade de Fort Lauderdale (Florida), nos Estados Unidos, e que acolle nesta edición a máis de 700 expositores procedentes de 113 países, cunha previsión de participantes superior ás 11.000 visitas. A comitiva desprazada ata a feira conta coa participación da xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, ademais de representación da Autoridade Portuaria. No marco deste encontro, a delegación da Coruña participa activamente, a través de diferentes actividades como o almorzo de traballo organizado pola Oficina Española de Turismo (OET) de Miami, no que responsables dos portos e destinos españois teñen a oportunidade de entrevistarse cos planificadores de itinerarios das navieras estadounidenses.
Tal e como destaca o presidente do ente de Turismo coruñés, o Consorcio "seguirá traballando activamente neste ámbito, dentro das liñas estratéxicas dirixidas a fomentar e consolidar un turismo de calidade, co fin de que o turismo cruceirista disfrute máis da cidade da Coruña, xa que se trata dun segmento cun interesante potencial de crecemento, ademais de ser un claro factor desestacionalizador da oferta turística da cidade". Así mesmo, o edil subliña que este perfil de visitante que chega á Coruña a través dos cruceiros "pode ser un bo prescritor do destino". A este respecto, lembra liñas de traballo iniciadas desde o Consorcio con este sector, como o estudo de demanda realizado polo ente turístico en colaboración coa Escola de Turismo o pasado verán, que advirte de que os e as cruceiristas internacionais teñen aínda un descoñecemento notable da cidade, se ben quedan gratamente sorprendidos polo destino e con ganas de regresar para coñecelo máis.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible