21 de novembro de 2025
A alcaldesa da Coruña e o presidente da Autoridade Portuaria participaron este venres na Conferencia Mundial da AIVP en Nova York
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, participaron este venres na Conferencia Mundial da AIVP en Nova York "Puertos, ciudades, clima: cooperar para innovar y adaptarse", que reune desde o 19 de novembro a profesionais e responsables públicos de todo o mundo. Durante a súa intervención, Rey e Fernández Prado explicaron o modelo de gobernanza do proxecto, os avances acadados nos últimos anos e as conclusións do amplo proceso participativo desenvolvido na Coruña.
A alcaldesa subliñou ante os asistentes que "a transformación da fachada marítima é posible grazas a un clima de cooperación institucional que hoxe existe e que non existía en décadas anteriores", e lembrou que este novo escenario naceu coa sinatura do Protocolo Coruña Marítima, un acordo entre seis administracións que permitiu "establecer unha folla de ruta común e garantir estabilidade dun proxecto estratéxico para o futuro da cidade".
Rey destacou que Coruña Marítima é "un exemplo de boa política, de como se deben abordar os temas estratéxicos: desde o diálogo, o consenso e a participación da sociedade", e destacou a expectación que está a crear a nivel internacional engadindo que "o éxito reside en que o protagonismo recaese no proxecto e non nas entidades que o conformamos, porque Coruña Marítima é un proxecto de toda a cidade que vai mais alá das persoas ou instittucións que o impulsamos".
A rexedora salientou tamén o valor do proceso participativo, que cualificou como "un exercicio de transparencia, apertura e escoita activa que nos permitiu mellorar as bases estratéxicas e facer do Master Plan un documento non só técnico, senón tamén cívico, construído colectivamente". Recordou que máis de 38.000 persoas se achegaron ao proxecto a través das plataformas dixitais e que se integraron achegas cidadás en ámbitos como mobilidade, sustentabilidade ou impulso económico.
Durante o encontro internacional, a alcaldesa fixo fincapé en que "temos diante unha oportunidade única: recuperar máis dun millón de metros cadrados do porto interior para integralos plenamente na cidade, creando novos espazos públicos, reforzando os usos pesqueiros estratéxicos e impulsando un motor económico baseado na innovación e na economía azul".
No peche da súa intervención, Rey reivindicou o compromiso do Concello para continuar impulsando o proxecto: "Coruña Marítima non é só un proxecto de recuperación do espacio portuario para a cidade; é unha transformación social, económica e ambiental que mira ao século XXI con liderado".
Pola súa banda, o presidenta da Autoridade Portuaria resaltou que "Coruña Marítima é unha oportunidade histórica para reconectar a cidade coa súa fronte portuaria e avanzar cara un porto máis aberto e sostible, impulsando unha nova fachada urbana que reforce a economía, a innovación e a calidade de vida". Martín Fernández Prado indicou que Coruña Marítima é tamén "un proxecto que debe deixar un porto con mellores infraestruturas e maiores condiciones de operatividade, e que impulse especialmente toda a cadea de valor do sector pesqueiro, tan arraigado e esencial para a realidade social e económica da nosa cidade."
A conferencia contou coa participación de figuras de referencia internacional en innovación portuaria, sustentabilidade e desenvolvemento urbano, como Sarah Kapnick e Andrew Kimball, que expuxeron os proxectos estratéxicos que Nova York está a impulsar neste ámbito.

19 de novembro de 2025

18 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible