Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xaneiro de 2023

Xa está aberto o prazo de inscrición no certame, aberto a estudantes de ESO, bacharelato e formación profesional e ideado co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade

A décima edición do Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega premiará o enxeño do alumnado de secundaria dos centros educativos da Coruña

Os monólogos poderán interpretarse de forma individual ou grupal, atendendo a cuestións de actualidade como as novas tecnoloxías e o uso de plataformas como Twitch e TikTok

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Educación, abriu esta semana o prazo de inscrición na décima edición do Concurso de Monólogos Cómicos en Lingua Galega, unha acción de dinamización lingüística dirixida ao estudantado de ESO, bacharelato e FP dos centros educativos da cidade, e impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de promover o uso da lingua galega entre a mocidade.

O certame, integrado no Plan Coruña Educa, proponlle ao alumnado un reto creativo: a creación de monólogos cómicos, para interpretar en galego, e que versen sobre temas de actualidade como a evolución da tecnoloxía, o uso de plataformas dixitais como Twitch e TikTok, e tamén sobre as profesións laborais do futuro. Baixo estes parámetros, o Concello busca potenciar a creatividade e espontaneidade no uso do galego por parte do alumnado participante, ademais de darlles ás mozas e mozos un espazo para expresar as súas ideas.

Cada centro educativo poderá presentar o alumnado participante de maneira individual ou ben en grupos. O alumno ou alumna que se inscriba de forma individual representará un monólogo, mentres que a modalidade grupal ábrese para un máximo de tres alumnos/as, que representarán un só monólogo.

Neste sentido, e co obxectivo de facilitar o achegamento a este formato narrativo, o servizo municipal de Educación programou dous obradoiros de introdución á interpretación de monólogos cómicos, que terán lugar os días 4 e 25 de marzo no Centro Sociocultural Ágora, e nos que poderá tomar parte o alumnado participante nesta edición do certame.

Nestas sesións, as rapazas e rapaces contarán coa axuda dunha persoa especialista que lles axudará a pulir os seus textos e a mellorar a súa interpretación cómica. As persoas interesadas en acudir terán que elixir na ficha de inscrición, dispoñible na web do Concello e a través desta ligazón, o día ao que prefiren asistir. A inscrición é voluntaria e de balde.

O auditorio do Ágora acollerá o concurso o día 14 de abril

O prazo de inscrición nesta décima edición do Concurso de Monólogos Cómicos en Lingua Galega rematará o día 17 de febreiro, e pode tramitarse a través da ficha específica do certame, dispoñible nesta ligazón.

Un dos requisitos marcados nesta convocatoria é que os monólogos sexan falados, e non lidos. Ademais, deberán ter unha duración máxima de cinco minutos e non conter linguaxe de tipo sexista, racista ou que falte ao respecto á dignidade das persoas.

O concurso terá lugar o venres 14 de abril no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. As persoas clasificadas en primeiro lugar en cada unha das tres categorías recibirán un diploma acreditativo da súa participación e un cheque por valor de 50 euros. As persoas clasificadas en segundo lugar en cada categoría recibirán un diploma acreditativo e un cheque por valor de 30 euros. E, por último, as persoas clasificadas en terceiro lugar en cada categoría recibirán un diploma acreditativo e un cheque por valor de 20 euros.

A información completa sobre o certame, así como as bases, poden consultarse nas novas relacionadas á esta noticia.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión