26 de setembro de 2017
O alcalde e o concelleiro de Culturas participarán no acto onde se elixirá o proxecto, desenvolvido por alumnado dun centro de ensino da provincia, que representará ao museo coruñés no Cume Mundial de Centros e Museos de Ciencia que terá lugar en Xapón en novembro no marco deste proxecto divulgativo
A Domus acollerá este sábado o festival World Biotech Tour, unha iniciativa internacional enfocada a divulgar temas relacionados coa biotecnoloxía, como centro de ciencia seleccionado a nivel internacional para desenvolver as actividades deste proxecto en 2017. Deste xeito, o museo coruñés terá esa xornada, entre as 10.00 e as 19.00 horas, entrada gratuíta e ofrecerá actividades para todos os públicos relacionadas coa biotecnoloxía. Ademais, a sesión terá como eixe central a presentación dos proxectos do ámbito da biotecnoloxía realizados por 13 alumnos e alumnas de cinco centros de ensino da provincia, desenvolvidos en colaboración con empresas e entidades relacionadas con este ámbito científico. Os centros escolares participantes son o IES Agra do Orzán da Coruña, o IES de Pastoriza (Arteixo), o IES David Buján (Cambre), o IES As Telleiras (Narón) e o CPI dos Dices (Rois). Un xurado valorará na sesión do sábado as presentacións e elixirá unha para representar á Domus no Cume Mundial de Centros e Museos de Ciencia que terá lugar en Xapón en novembro de 2017. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participarán pola tarde no acto de entrada dos premios, onde se dará a coñecer o traballo gañador.
Durante toda a xornada, as persoas que acudan á Domus poderán ademais participar nunha ampla proposta de actividades divulgativas, como son o Lab in a box, un obradoiro para experimentar coa biotecnoloxía; Coñece a un científico, onde o persoal científico do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (o Inibic) e do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e empresas biotecnolóxicas contarán os seus proxectos en marcha; o taller Graffiti-Biotec, que une ciencia e arte (e para o que será necesario apuntarse con antelación, a través do formulario on line dispoñible nesta dirección: https://goo.gl/8qQU8N); Caza do tesouro, unha xincana na que o público participante deberá descubrir pistas ocultas no museo; Espectáculo de ciencia, que amosa o que é a biotecnoloxía en clave de show, ou o Café científico, un café-faladoiro no que o público poderá coñecer como a biotecnoloxía forma parte da súa vida.
A Domus foi, xunto co museo Copernicus de Varsovia, o Heureka, en Finlandia, o Museu da Vida de Río de Janeiro, e o Sci-Bono Discovery Centre de Johannesburgo, un dos cinco centros de ciencias do mundo seleccionados para participar este ano no proxecto World Biotech Tour, que impulsa a Fundación Biogen, co respaldo da Asociación de Centros de Ciencia e Tecnoloxía (ASTC) para divulgar aspectos relacionados co campo biotecnolóxico. A iniciativa busca promover a comprensión da biotecnoloxía a través dos centros científicos e coa participación e implicación de profesionais, profesorado, alumnado e público en xeral, con especial atención á mocidade, a través de actividades que xiran arredor desta materia e de como esta se aplica en campos como o da saúde e a medicina, a agricultura ou a enerxía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible